viernes, abril 28, 2006

Os de Silvaoscura (59)

En materia de alcumes, sempre estivemos ben servidos por Silvaoscura e arredores. Houbo un famosísimo Parrandas, veciño de Sobrado e falador incansable. Cando eu o tratei, xa andaba polos setenta anos, pero conservaba intactas as facultades de sedutor. A súa condición de viúvo non o afundiu na melancolía; ao contrario, era frecuente velo paseando pola Avenida das Camelias en compaña de señoras maduras ás que facía as beiras cunha mestura de elegancia e descaro. É máis, lembro que o vin nun mirador, preto do Castro, en actitudes propias de adolescente. Era un individuo extraordinario, sen dúbida, que non daba disimulado a satisfacción que sentía cada vez que me dirixía a el con aquel estraño vocativo, Señor Parrandas, co que tentaba amosar respecto á súa idade e á súa sona de parrandeiro.
Outros alcumes proceden do lugar de procedencia do alcumado. Así, temos o Proente e mais o Carballeiras (por non falar dunha Nerga coa que compartín aulas universitarias e que non estaba orgullosa do Hortensia que figuraba no seu documento nacional de identidade). E outros teñen a súa orixe nalgunha expresión empregada con excesiva frecuencia, como sucedía co Tío Caramba, sancristán da parroquia de San Salvador de Penosiños. Contan que, cando naceu a miña nai, nun parto extraordinariamente difícil que non acabou en traxedia porque Deus non o quixo, o Tío Caramba presentouse na casa co manto da Virxe e abrigou con el á miña avoa, para axudala a pasar mellor o duro transo. "Caramba, caramba, Concha, como non cho ía traer, para qué está a familia, caramba", dicía sen descanso.
Pero o meu alcume favorito, sen dúbida, é o que ostentou a irmá do Pepe Tratante, a Resulta, unha mulleriña que marchou para Betanzos e alá morreu. Segundo din os que a coñeceron, esta señora concluía todos os seus parlamentos coa mesma frase: "Resulta que nada, éche un caso e adiós".

miércoles, abril 26, 2006

Os de Silvaoscura (58)

Os avós falan dun señor do Pao que pasaba de cando en vez polo lugar, camiño de Celanova, nunha lentísima mula. Foi o primeiro carteiro do que se garda lembranza. Os meus recordos do oficio postal, moito máis recentes, nacen co Xaime do Tellado, outro inimigo das présas. Xaime, fillo dun famoso Tío Caramba do que haberá que falar algún día, repartía a correspondencia no adro da igrexa, despois da misa. Isto librábao de percorrer unha por unha as numerosas aldeas da parroquia, nuns tempos en que os camiños eran malos e os emigrados a Venezuela, Alemaña ou Suíza escribían moito. Se se daba o caso de que o destinatario da carta non fora aquel día á misa, o carteiro mandáballa por algún veciño, o cal puña atrancos ao necesario sixilo epistolar. Así, deuse algún caso dun mozo rexoubeiro que subiu Silvaoscura arriba con grandes voces, avisando a unha rapaza da carta dun pretendente ata daquela descoñecido: "Pepiñaaa, escribiuche o Carabuñas".
Cando xa ía vello, o Xaime do Tellado mercou un ciclomotor para se axudar mellor nos traballos da repartición. Ía moi devagar, tanto que ás veces semellaba que chegaría antes a pé. Iso si, nunca esquecía protexerse do vento traidor das estradas cun peto gris que lle tapaba o peito e boa parte do pescozo. Os veciños, ao velo pasar sempre tan amodo, procuráronlle un alcume definitivo: "Aí vai o Ángel Nieto".

martes, abril 25, 2006

Comparto a indignación

Xa puidestes ler os atinados comentarios de Brétemas, Folerpa e Náufrago, pero hoxe sinto a obriga, como vigués e como amante dos libros, de amosar a indignación que me produce a actitude do Concello de Vigo perante a celebración do pasado 23 de abril. Onte pola mañá, co gallo do día festivo en Castela e León, prolonguei a fin de semana e estiven paseando por Montero Ríos, pola Alameda, por Príncipe... Que fermoso era imaxinalas cheas de casetas de libreiros! Á volta, entrei en Librouro para saudar á miña antiga e aprezada compañeira Amparo, que me contou con detalle a desidia e a torpeza con que actuaron os nosos representantes municipais neste asunto (tamén os da oposición, por certo). Propoño que enchamos a páxina do Concello -www.vigo.org- de queixas relacionadas coa cuestión. Se a presenza de catro mesas con libros na Rúa do Príncipe pode causar problemas de tráfico, estou disposto a chamar á policía e montar un escándalo cando chegue o vindeiro entroido e todo se encha de rapaces armados de esprais. Acaso as procesións de Semana Santa, de escasa tradición na nosa cidade, non causaron problemas de tráfico? Creo que estamos en disposición de esixir á alcaldesa, Corina Porro, unha explicación.

jueves, abril 20, 2006

Os de Silvaoscura (57)

Chéganme novas do inminente casamento do Luís Alberto do Carraguedo. Aínda que non teño moito trato con el, deséxolle unha feliz vida matrimonial. Se non me engano, ao casar el, este que aquí escribe é o único que permanece felizmente solteiro dos sete rapaces que fixemos a primeira comuñón o 15 de maio de 1977. Xa falei nalgunha outra ocasión de tan memorable día, coa desculpa de lembrar e homenaxear ao noso especialísimo D. Xaime, párroco de Penosiños. Hoxe, co gallo da voda do Luís Alberto, recordo tamén os que compartiron comigo fotos e protagonismo. A miña prima Julita, a quen debo algúns dos consellos máis sabios que recibín na adolescencia, aparece no retrato con ollos de sono e a cara practicamente desaparecida no carapuchiño do vestido. A Esperanza de Calvos, coa súa face xa daquela anxelical, ensaia un proxecto de sorriso que non dá disimulado unha palidez talvez atribuíble ao flash da cámara. A Rosa de Vilanova, filla do Sousa, amosa firmeza e determinación nos beizos finos, como se xa soubese das alegrías e cambadelas que lle reservaba a vida. Vexo tamén a un rapaz chamado Jorge, tocaio meu por tanto, que semella algo máis vello e gallardo cós outros; penso que nunca máis o vin, aínda que teño oído que vive en Venezuela e ten familia de seu. Está asemade o Xosé Manuel de Calvos, alcumado o Cabazo, con tranquilidade e paz de espírito absolutas, digno precursor do actual, pai de fermosa familia numerosa. Está, por suposto, Luís Alberto, de pel moura, miudiño, orelliñas exteriores e ollos curiosos.
Ah, aínda hai outro raparigo na foto: un loiro coloradote e gordecho, con aire tímido. Pode que sexa eu.

martes, abril 18, 2006

Os de Silvaoscura (56)

Non dou lembrado o nome dunha velliña que tiña un estraño costume: cando comezaba a primavera, remexía nunha vella caixa que gardaba nun lugar oculto e extraía dela un fato de billetes. A muller non confiaba nos bancos nin en calquera sistema de aforro que implicase separación física do diñeiro. Pero tampouco pasaba por alto a humidade con que o inverno castigaba os agochos máis recónditos. Por iso era importante aproveitar as primeiras raiolas de sol para estender os billetes na azotea, naturalmente en día sen vento, lonxe dos gatos e baixo estrita vixilancia da lexítima propietaria do capital.

jueves, abril 06, 2006

Os de Silvaoscura (55)

Marcho uns días de vacacións. Que pasedes boa Semana Santa e que abril vos traia sorpresas agradables.

O Paco do Cerdedo foi militar. Cando eu era pequeno contábame os seus anos de servizo no castelo do Castro ("alá, cando estiven de soldadito en Vigo") e facíame sempre a mesma brincadeira, pousándome a man no peito con cara de sorpresa, como se acabase de descubrir un lixo; eu, inocente de min, baixaba a cabeza, momento que el aproveitaba para erguer rapidamente a man cara ao meu nariz, sen chegar nunca a tocarme.
Despois de festexar o seu novo triunfo cunha boa risada, púñase máis serio e falábame como se eu fose xa un home feito e dereito:
-Cando chegue o momento, pénsao ben e faite militar. Non hai vida coma a do exército. Respectas e es respectado. Lémbrao. Eu teño bos amigos na Academia de Zaragoza e aínda che podo botar unha pedra no carro. Con confianza, ti falas comigo e xa está.
Eu agradecía as súas palabras con toda a educación da que era capaz. Paco era un bo home. De feito, aínda o é. Agora convive cun monstro desapiadado, un tal Alzheimer, que lle impediu saber que o rapaciño inocente non se fixo soldado, senón obxector de conciencia e aspirante a prosista.

domingo, abril 02, 2006

Os de Silvaoscura (54)

O señor Antonio Xoque puxo loito por unha perna que perdera en Cuba en circunstancias confusas. Cando volveu da terra quente, os veciños atopáronlle de novidade unha gravata negra e unha pata de pao coa que ameazaba os nenos, especialmente aqueles que quedaban ollando de fite aquela estraña extremidade de madeira.
Segundo din, o Xoque posuía un elevado sentido da xustiza, de aí que erguese o meu avó -daquela un rapaciño- polas orellas cando o viu mallando coa aguillada nunha vaca que non daba aprendido disciplinas. Tiña tamén unha lingua destemida para os tempos, polo que non lle importaba falar mal de Franco no adro ou no café. Anos despois, cando os vellos principiaron a cobrar o subsidio e el mesmo recibiu a primeira paga, andou o camiño da caixa de aforros de Vilavidal a Silvaoscura coa chaqueta do revés, en sinal de rectificación pública dos seus ideais.
O señor Antonio tivo unha morte tráxica. Caeu dun valado ao que agatuñara para podar unha cepa recóndita. Durante o velorio, unha das noras advertía á xente que lle viña rezar: "Pechen, pechen a porta para que non saian as pitas".