viernes, abril 28, 2006

Os de Silvaoscura (59)

En materia de alcumes, sempre estivemos ben servidos por Silvaoscura e arredores. Houbo un famosísimo Parrandas, veciño de Sobrado e falador incansable. Cando eu o tratei, xa andaba polos setenta anos, pero conservaba intactas as facultades de sedutor. A súa condición de viúvo non o afundiu na melancolía; ao contrario, era frecuente velo paseando pola Avenida das Camelias en compaña de señoras maduras ás que facía as beiras cunha mestura de elegancia e descaro. É máis, lembro que o vin nun mirador, preto do Castro, en actitudes propias de adolescente. Era un individuo extraordinario, sen dúbida, que non daba disimulado a satisfacción que sentía cada vez que me dirixía a el con aquel estraño vocativo, Señor Parrandas, co que tentaba amosar respecto á súa idade e á súa sona de parrandeiro.
Outros alcumes proceden do lugar de procedencia do alcumado. Así, temos o Proente e mais o Carballeiras (por non falar dunha Nerga coa que compartín aulas universitarias e que non estaba orgullosa do Hortensia que figuraba no seu documento nacional de identidade). E outros teñen a súa orixe nalgunha expresión empregada con excesiva frecuencia, como sucedía co Tío Caramba, sancristán da parroquia de San Salvador de Penosiños. Contan que, cando naceu a miña nai, nun parto extraordinariamente difícil que non acabou en traxedia porque Deus non o quixo, o Tío Caramba presentouse na casa co manto da Virxe e abrigou con el á miña avoa, para axudala a pasar mellor o duro transo. "Caramba, caramba, Concha, como non cho ía traer, para qué está a familia, caramba", dicía sen descanso.
Pero o meu alcume favorito, sen dúbida, é o que ostentou a irmá do Pepe Tratante, a Resulta, unha mulleriña que marchou para Betanzos e alá morreu. Segundo din os que a coñeceron, esta señora concluía todos os seus parlamentos coa mesma frase: "Resulta que nada, éche un caso e adiós".

10 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Sencillamente, delicioso...
Bicos.

2:12 p. m.  
Blogger Veloso said...

Graciñas, Muralla, sempre es moi amable comigo. Un bico.

4:44 p. m.  
Blogger Peke said...

Estou con Muralla; é unha delicia lerte.

5:04 p. m.  
Blogger acedre said...

Mui bo coma sempre e o da "Resulta" e grandioso igual que a "Significaotema".

Eu conhecin un Manolo "Ningures" que era a resposta que sempre daba o borrachin a pregunta de cara onde ia. O pobre morreu nunha porta dunha casa unha noite de xeada cando durmia a peneca...e dali marchou a "Ningures" de verdade.

6:34 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

eu souben dunha á que chamavan a mejorita; disque cando nasceu, ao ve-la seu pai, dixo orgulloso diante das parteiras: ai, que miniña tan ghuapa, derde logho é a mejorita do pueblo!
e tal lle quedou como alcume de por vida, e non só: o home, os fillos, agora os netos, son "os da mejorita". un saúdo (tamén quixen facer a miña aportación)

7:35 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Tio caramba que apodo tan curioso... e que ben sabes contar, da gusto chegar ao teu blog e decubrir as andanzas en Silvaoscura.
Non estaría nada mal ir de acampada alí...

Unha aperta.

;)

P.D Estaría ben facer unha recopilación de apodos non si??.

9:31 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Antes, os estudantes puñan alcumes aos profesores, e habíaos boísimos. Agora xa case nunca o fan, e cando o fan carecen de imaxinación.
Todo parece indicar que a informática e a microelectrónica matou a imaxinación. Sign of times, que diría Prince!

9:57 p. m.  
Blogger torredebabel said...

súmome ao comentario de Muralla que dixo todo con as palabras xustas: nin mais nin menos. "Sencillamente, delicioso!". Apetas!

1:40 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

I love your website. It has a lot of great pictures and is very informative.
»

8:01 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Nice idea with this site its better than most of the rubbish I come across.
»

8:11 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home