miércoles, abril 26, 2006

Os de Silvaoscura (58)

Os avós falan dun señor do Pao que pasaba de cando en vez polo lugar, camiño de Celanova, nunha lentísima mula. Foi o primeiro carteiro do que se garda lembranza. Os meus recordos do oficio postal, moito máis recentes, nacen co Xaime do Tellado, outro inimigo das présas. Xaime, fillo dun famoso Tío Caramba do que haberá que falar algún día, repartía a correspondencia no adro da igrexa, despois da misa. Isto librábao de percorrer unha por unha as numerosas aldeas da parroquia, nuns tempos en que os camiños eran malos e os emigrados a Venezuela, Alemaña ou Suíza escribían moito. Se se daba o caso de que o destinatario da carta non fora aquel día á misa, o carteiro mandáballa por algún veciño, o cal puña atrancos ao necesario sixilo epistolar. Así, deuse algún caso dun mozo rexoubeiro que subiu Silvaoscura arriba con grandes voces, avisando a unha rapaza da carta dun pretendente ata daquela descoñecido: "Pepiñaaa, escribiuche o Carabuñas".
Cando xa ía vello, o Xaime do Tellado mercou un ciclomotor para se axudar mellor nos traballos da repartición. Ía moi devagar, tanto que ás veces semellaba que chegaría antes a pé. Iso si, nunca esquecía protexerse do vento traidor das estradas cun peto gris que lle tapaba o peito e boa parte do pescozo. Os veciños, ao velo pasar sempre tan amodo, procuráronlle un alcume definitivo: "Aí vai o Ángel Nieto".

8 Comments:

Blogger besbe said...

Xaime do Tellado de vello e o seu ciclomotor lembráronme a meu avó que con 80 anos aínda ía na súa motoreta, levaba un engadido na moto de poliester que lle cubría o peito e o pescozo, eso si, para aguantalo collíao cos dentes (xa imaxinades o panorama). Un día mentres ía na moto mirando para a leira dun veciño foi para a cuneta co resultado dunha vértebra dorsal aplastada. Catro anos despois aínda hai veces que cando axexo pola ventá da cociña se ve na eira a un señor tentando montarse no ciclomotor (non o consigue que os corpos non son o que eran).

Un saúdo e gracias por traerme estas cousas á cachola.

2:15 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Por fin tiven a oportunidade de mercar “Licor de abelá con xeo”, non acostumo ler novelas con frecuencia, pero esta túa tivo a virtude de me reter ata que a rematei, espero impaciente a que a última estea nas librarías.
Aínda que vaia directamente en contra dos teus royalties, lla vou pasar a unha amiga á que se que lle vai encantar, dalgunha maneira non deixa de ser unha forma de promoción. ;)
Unha aperta

6:59 p. m.  
Blogger folerpa said...

Sempre estás aí para deixar un comentario axeitado. Moitas grazas.
Viches a crítica do Licor no Cartafol ?

7:49 p. m.  
Blogger Veloso said...

Uf, Besbellinha, alégrome de traerche eses recordos. O meu pai tamén tivo un esmagamento de vértebras hai ano e pico. Pasouno fatal, o pobre.
Graciñas, Sz, pola amabilidade e a divulgación. Espero que á túa amiga lle guste o licor.
Folerpa, vin a crítica do Cartafol. Haberá que tomar nota das correccións lingüísticas.
Saúdos a todos.

8:59 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Na aldea dos meus avós tamén había un home alcumado "Angel Nieto". O perfir era moi semeñante ao que describes. E tamén levaba ese típico atuendo motero dos oitenta (non esas horteradas de cores fosforito que levan agora os moteiros porque lles parece máis "in"). Os "Angel Nieto" eran case un arquetipo.

9:45 p. m.  
Blogger torredebabel said...

teño un curmán carteiro en Pontevedra e lembro ainda do moito problema que tiña cos cans nas casas. Ata o día que o contou, eu non tiña pensado en que os cans puideran ser o problema central dalgúns traballadores. Apertas!

2:05 a. m.  
Blogger torredebabel said...

polo comentario de Folerpa, fun ao cartafol e levei unha rabia enorme. Non gosto das críticas (ainda que entendo que poden ocupar un lugar importante) porque moitas veces con pouco traballo destruen unha tarefa que levou meses e ata anos. E dende onde? canto escribiu quen fai a crítica? Sempre lembro dun xornalista que ría dos que arranxan o mundo dende a mesa dun bar mentres outros "metémonos na merda para sacar as cousas adiante", decía. Deixei no Cartafol aí a miña opinión tamén. E o desgusto!

2:28 a. m.  
Blogger Veloso said...

Levas razón, Larvós, os Ángel Nieto eran un arquetipo social que circulaban polas nosas estradas con absoluta e irónica calma. Supoño que aos de agora lles chamarán Pedrosas ou Rossis.
Torredebabel, non te preocupes, ás críticas hai que darlles unha importancia relativa, tanto cando son boas como cando son regulares. Este crítico do Cartafol ten o costume de concluír os seus comentarios cos aspectos lingüísticos; en fin, é o seu xeito de facer as cousas e tampouco está mal que as faga así. De todos modos, direiche que, en xeral, as críticas están a ser boas (mesmo esta do Cartafol non é nada mala). Moito máis temible sería o ninguneo, cousa que ás veces tamén pasa.
Saúdos moi cordiais para todos.

8:24 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home