martes, enero 27, 2009

Bisavós

Segundo vexo na prensa, só un cinco por cento dos españois sabe o nome dos seus bisavós. No que a min respecta, láiome de non coñecer (creo que lle ocorre o mesmo ao resto da familia) a identidade dun bisavó misterioso que algúns ubican pola banda de Celanova. Fóra diso, aproveito este anaco de pantalla para homenaxear a Carmen, Marcial, Herminia, Lisardo, Estrella (lémbroa moi ben; era seria e pouco amiga de brincadeiras), Antonio e Juana. Benditos sexan, os sete e tamén o oitavo incognoscible. Falo na mesma lingua que eles falaron, un feito que non ten mérito ningún pero que, por algunha causa enigmática, non é tan normal como debería.

jueves, enero 22, 2009

Prioridades

Nestes días de euforia e entusiasmo, cómpre salientar a prudencia do meu primo Gabriel. Que eu saiba, é a única persoa da familia que estaba convidada a unha das dez festas ás que asistiu Obama despois da toma de posesión. Pero Gabriel non se deixou impresionar. Aproveitou a ocasión para coller uns días de vacacións e cambiou o frío de Washington polo de Silvaoscura, as multitudes pola tranquilidade, os flashes do Capitolio polo camiño nevado, o balbordo pola conversa familiar. Beizóns, Gabriel, agardámoste para o verán.

viernes, enero 16, 2009

Riveiro Loureiro

Coñecino n´O Grove, hai xa tres anos, na entrega do premio "Lueiro Rey". El era o gañador e eu quedara de finalista. Pareceume un home cordial, atento, posuidor dunha dignísima tristura (seica morrera a súa esposa uns meses antes) e dun admirable espírito combativo. Hoxe, a prensa informa do seu falecemento, acontecido onte n´A Coruña. Que a terra lle sexa leve.

lunes, enero 12, 2009

Inercia do xeo

Escoito as esquelas en Radio Ourense, unha rara tradición. Anuncian enterros e cabodanos, falan de idades e nomes (avoas Asunción e netas Lorena, por exemplo), proclaman lugares polas que pasará o coche de liña e pregan unha oración pola alma. Están todas en castelán. Aposto as vísceras a que a inmensa maioría dos defuntiños eran galegofalantes, igual cós fillos que acudiron pesarosos á funeraria a dar os datos. Tanto ten: o idioma do pasamento, da coroa, do funeral, do responso, é o español, e a estas alturas xa non podemos falar de asoballamento nin colonialismo nin ningunha desas palabras que tan ben acaían nos anos setenta. Non, cómpre ser serios e aceptar, unha vez máis, que seguimos na nosa tradicional estratexia suicida. A conclusión é dobremente xeadora: por un lado, é evidente que os xerentes da cousa fúnebre viven comodamente no modelo feito en word, ese no que tan só hai que cambiar catro datos, por suposto en castelán. Por outro, resulta obvio que á maioría dos nosos paisanos nin sequera se lles ocorre empregar no momento da morte a mesma lingua na que se viviu. E contra estas inercias non hai campañas que vallan nin lerias da Secretaría Xeral nin rumbosos anuncios dos presidentes do goberno. O galego esmorece porque os galegofalantes queremos que esmoreza.
Pousada e Lago (que non son tan listos como parecen) están a levar un traballón enorme para unha batalla que gañarían sen necesidade de tanta fanfarra.