miércoles, octubre 31, 2007

Voz de Galicia?

A versión en galego da edición dixital de La Voz de Galicia é tan trapalleira, ten tantos erros e disparates que non a dou lido ningún día sen acabar de mal humor. Proposta: escribámoslle a D. Santiago Rey Fernández-Latorre, ese que tanto presume do "compromiso dun título", e aclarémoslle que o fabuloso aparello tradutor funcionaría mellor coa axuda dun par de bolseiros dispostos a pasar as madrugadas diante da pantalla. Ou acaso non cobra a Voz -e os outros xornais- xenerosas subvencións por aquilo da normalización lingüística?

martes, octubre 23, 2007

Na beira do Douro (4)

Vexo fotocopias espalladas por paredes e farolas. "Practica el arte del diálogo", anuncian. A continuación, un nome (Noemí), un número de teléfono e outra insólita profesión: "Filósofa asesora".

jueves, octubre 18, 2007

Defensa de "e"

É a nosa verdadeira conxunción copulativa, o xeito que temos de xuntar o pan e o viño, o mar e o sol, a noite e o día. Non o esquezamos, non o estraguemos.

jueves, octubre 11, 2007

Na beira do Douro (3)

Hoxe dou en falar da guapísima Viki, co ollar sempre sereno e esa agradable colonia de coco que a fai única. Tivo un noivo militar unha chea de anos. Despois rifaron e acabaron tronzando os fíos, xa se sabe, a mocidade, a vida. Agora botou novo mozo, un rapaz ao que coñeceu no traballo, nos famosos parquímetros de Madrid. A empresa non ve con bos ollos as relacións entre os seus asalariados, polo que Viki e o compañeiro pasan a vida a disimular. Pero é posible que o mozo atope pronto un novo emprego: estase formando para ser "xuíz do canto dos paxaros". Non vos parece unha profesión ben fermosa?

martes, octubre 02, 2007

Escritos e sinaturas

Co gallo das famosas manifestacións do Valedor do Pobo, escribinlle un amable correo electrónico no que, despois dun par de reflexións sociolingüísticas sobre por que un Valedor debe axudar a resolver os problemas e non a crealos, acababa pedindo a súa dimisión. Pois ben, o outro día recibín resposta postal, na que, quitando a palla, o sr. López lembra que "por esta institución se procederá en todo caso a promove-la efectividade dos principios constitucionais e estatutarios referentes ás linguas oficiais de Galicia, e así mesmo, ao previsto na Lei 3/1983, de 15 de xuño, de Normalización Lingüística". En fin, como quen oe chover.
Por outra banda, aproveito esta plataformiña para colaborar coa campaña de sinaturas a prol do decreto da igualdade do galego no ensino que está a levar a cabo A Mesa. Podedes baixar o escrito da súa páxina web (http://www.amesanl.org/). Eu xa o fixen. É máis, xa recollín quince sinaturas, o cal, para ser un tipo que vive en Zamora e só vai en Galicia as fins de semana, non está nada mal.