martes, octubre 02, 2007

Escritos e sinaturas

Co gallo das famosas manifestacións do Valedor do Pobo, escribinlle un amable correo electrónico no que, despois dun par de reflexións sociolingüísticas sobre por que un Valedor debe axudar a resolver os problemas e non a crealos, acababa pedindo a súa dimisión. Pois ben, o outro día recibín resposta postal, na que, quitando a palla, o sr. López lembra que "por esta institución se procederá en todo caso a promove-la efectividade dos principios constitucionais e estatutarios referentes ás linguas oficiais de Galicia, e así mesmo, ao previsto na Lei 3/1983, de 15 de xuño, de Normalización Lingüística". En fin, como quen oe chover.
Por outra banda, aproveito esta plataformiña para colaborar coa campaña de sinaturas a prol do decreto da igualdade do galego no ensino que está a levar a cabo A Mesa. Podedes baixar o escrito da súa páxina web (http://www.amesanl.org/). Eu xa o fixen. É máis, xa recollín quince sinaturas, o cal, para ser un tipo que vive en Zamora e só vai en Galicia as fins de semana, non está nada mal.