lunes, noviembre 26, 2007

Na beira do Douro (7)

Fun a Coreses, unha vila zamorana situada a uns poucos quilómetros da capital. É terra de labregos, xente humilde e, ultimamente, zona de chalés adosados. Tamén é coñecida por un hotel-restaurante sumamente hortera e por un club de alterne deses que alumean a estrada dende lonxe. Pero en tempos, en anos moi difíciles, foi destino dun mestre galego que sufriu castigo polas súas ideas.
O luns pasado, nunha tarde de choiva, achegueime ao Hogar del Jubilado de Coreses e tratei de conversar cos paisanos que xogaban ás cartas. Tres deles aínda lembraban o seu antigo profesor, pero non pareceron entender nada cando lles expliquei que o ano que vén aquel D. José María que lles puxera escola ía ser protagonista dunha cousa chamada Día das Letras Galegas.
Á volta, atopei un paso a nivel pechado e tiven que agardar melancolicamente a que pasase o Talgo.

viernes, noviembre 16, 2007

Na beira do Douro (6)

Morreu Miguel Arévalo, o barqueiro de Olivares. Levaba máis de cincuenta anos no oficio de cruzar o Douro na súa barquiña, dunha beira de Zamora á outra. Foi pescador, bombeiro e socorrista. Salientou sobre todo pola abraiante facilidade que tiña para localizar afogados. Segundo o seu propio testemuño, foron máis de cen os corpos que atopou no río, cun pau longo como único medio de busca. Cando os xornalistas lle preguntaban polo segredo da súa estraña arte, contestou: "No se nota ni duro ni blando... Lo notas en el corazón".

miércoles, noviembre 07, 2007

Na beira do Douro (5)

Anuncian unha nova actuación do mago Ya-Li-Pu. Nos carteis aparece con aspecto bondadoso e non demasiado enigmático. É un tipo enorme, de case dous metros, con bigote de pai de familia dos anos sesenta. Todos os anos organiza un congreso ao que veñen magos de todo o mundo. Neses días, non é raro velos a todos xuntos, paseando os seus trucos polas rúas peonís.
O malo de Ya-Li-Pu é que a maxia non lle dá para vivir. Por iso traballa nun banco, con xesto amable e gravata de cores. Non hai moito coincidín con el, na sección de hipotecas. Fixo desaparecer o meu diñeiro cunha rapidez e unha habilidade abraiantes.