lunes, agosto 24, 2009

Pequenos fracasos

Unha amiga xenerosa e observadora aconsella por teléfono ao meu veciño do 1º D: "Non deberías escribir esas cousas no teu blog. A xente vai pensar que estás tolo". O aludido agradece as palabras e principia unha longa reflexión sobre o delicado asunto das voces narrativas. Moitas veces, os escritores estragan unha boa historia simplemente por non a saber contar dende a perspectiva axeitada. É un pensamento interesante, sen dúbida, pero o veciño do 1º D ten hoxe unha misión moito máis alta. Leva meses sen limpar os cristais, así que apaña caldeiros e panos varios, mestura auga e vinagre, fornécese de xornais atrasados e pon mans á tarefa. Faino sen camiseta, vestido unicamente cun pantalón curto pasado de moda, para que os paseantes da rúa admiren o seu peito peludo, o bandullo branco e redondo, os brazos escasos en lonxitude e musculatura. Despois de dúas horas de intenso traballo, o limpador retrocede uns metros e pon distancia perante a obra feita. Sobrevén entón a derrota: os cristais están aínda máis lixosos có principio, non hai ningún vestixio de transparencia nas fiestras do 1º D. O veciño suspira con absoluta melancolía. De súpeto, unha pequena raiola de luz atravesa o seu maxín. Eufórico, descobre que acaba de resolver o dilema da voz narrativa e, xa de paso, vese capaz de render homenaxe á súa amiga xenerosa e observadora. Cando relate o desastre cristaleiro no blog, farao en terceira persoa, para que ninguén se decate de que o protagonista da historia e mais ese tal Veloso, o dos karaokes, son en realidade o mesmo individuo.

2 Comments:

Blogger paideleo said...

Un saúdo doutro limpador de cristais ( anque procuro pór a camisola anque súe ).
Supoño que a amiga referirase á limpeza de cristais cando fala de tolerías.
Eu, por se ascaso, xa non falo diso.

8:30 p. m.  
Blogger Chousa da Alcandra said...

A solución semántico-narrativa de escribir en terceira persoa poda que solucione a cuestión do blog; pero ainda que o faga na segunda do plural moito me temo que os cristais van quedar coma o carallo.

9:42 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home