domingo, julio 19, 2009

Terrores nocturnos ou cousa semellante

Leva razón Isaac Rosa. O cine e a televisión condicionan a nosa percepción da realidade e sementan terrores nos momentos máis inocentes. Onte, por exemplo, conducín sesenta quilómetros coa sensación de que había un intruso no asento de atrás, disposto a manifestarse no espello retrovisor, seguramente cun coitelo entre os longuísimos dentes. Ao chegar ao garaxe, o pánico medrou. Detrás de cada columna parecíame ver unha sombra, non sei se de asasino ou de chapista. Os segundos que tardou o ascensor parecéronme interminables e a gravación que anuncia subidas e baixadas -"planta primera!"- soou subitamente sinistra, como se a voz habitual estivese de vacacións e a substituíse unha prosodia seca e ameazante. Cando por fin abrín a porta e penetrei no territorio que considero, con inxenuidade occidental, a miña propiedade, comprendín que o chan que debía pisar para ir ao baño ou á habitación estaba invadido por un exército de formigas, cascudas e outros monstros. Tentei tranquilizarme, prendín todas as luces e tomei folgos. "Estás a piques de cumprir corenta anos e aínda andas con estas lerias", dixo dentro de min alguén que debía de ser eu mesmo, ou se cadra un anxo da garda aburrido e farto. Uns minutos despois, xa deitado, pechei os ollos, coas pálpebras en máximo esforzo, e lembrei unha noite de hai tres décadas, cando, sendo eu un neno asustado, recibín na miña habitación a visita de Christopher Lee en persoa, tan pálido, tan alto, tan extravagante. Lee olloume en silencio durante horas, con xesto melancólico, sen atreverse a dicir nada. Agora que me decato, segue aquí mesmo, ás miñas costas, lendo de esguello o que escribo e visiblemente nervioso pola inminencia do amencer.

1 Comments:

Anonymous Mr Tichborne said...

Christopher Lee protexeráo, non se preocupe. Se el mesmo non o vampirizou, é que son amigos.

12:26 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home