jueves, abril 30, 2009

Elixindo

Cómpre que quede moi clariña a seguinte mensaxe: somos nós os que eliximos. Saímos á rúa decotío e optamos por falar galego ou castelán, o que máis nos pete. Algúns decidirán actuar en función do interlocutor e outros decantaranse polo monolingüismo. É a nosa escolla. Escollemos porque dominamos os dous idiomas, porque niso consiste, precisamente, unha elección. Como é obvio, é unha decisión que nin se asemella nin ten nada que ver con ese fato de deputados do PP que confesaron dificultades para se expresaren na "lingua propia de Galicia" (entre aspas porque estas son xustamente as palabras que aparecen no Estatuto de Autonomía que xuraron defender hai menos de quince días). A conclusión é clara e rotunda: eles non son bilingües. Os bilingües somos nós.
Eu, por exemplo, que escribo este blog e sufro unha barbaridade polos asuntos do idioma, non teño absolutamente nada contra o castelán. Só faltaría. Como moitos de vós sabedes, vivo en Zamora, así que, como é natural, desenvólvome en lingua castelá con absoluta naturalidade: na miña profesión, cos compañeiros, coa xente da rúa e cos moitos amigos que fixen por estas benditas terras. Este feito non me produce ningún trauma nin trastorno emocional. Non teño sensación de exilio nin nada que se lle pareza. Son, simplemente, as circunstancias da miña vida, e ben satisfeito e agradecido que estou con elas. Agora ben, no caso de que os meus días transcorresen exclusivamente en Vigo ou Silvaoscura, o sentimento de amor pola lingua castelá sería exactamente o mesmo, porque o castelán é o idioma no que escriben moitos dos autores que me fan feliz e me axudan a loitar cada novo día. Sendo a castelá a lingua de Sabina e dos Luthiers e de Cortázar e de Cervantes e de Clarín, como vou eu sentir xenreira ou menosprezo por ela?
Todo este pesadísimo preámbulo ten relación, como ben podedes imaxinar, coa autorización que o presidente da Xunta deu aos seus deputados para que falen en castelán no Parlamento. Debe quedar moi claro, para que a vergoña sexa maior e o abraio non teña fin, que o feito de que López Chaves e outros coma el suban á tribuna e empreguen o castelán non é produto en ningún caso dunha escolla libre e decidida. Falan castelán porque non saben outra cousa, porque levan corenta ou cincuenta anos vivindo en Galicia e nunca se preocuparon por aprender a lingua que os une con milleiros de veciños nin xamais quixeron saber nada nin de Rosalía nin de Celso Emilio nin de Ferrín nin de ninguén. Non son uns señores liberais exercitando un dereito, non, son un grupo de ignorantes, de indixentes intelectuais que talvez aprobaron unhas oposicións pero que amosan coa súa actitude unha fobia absoluta ás gramáticas, aos libros de texto (non esquezamos que moitos deles, por cuestión de idade, xa tiveron asignatura de galego na escola e no instituto, o que pon de manifesto que ou eran moi malos alumnos ou foron a pésimos colexios) e, o que é peor, representan a un pobo que non coñecen. Se un deputado galego non sabe falar galego é porque non considera interesante viaxar por Galicia e dialogar cos seus habitantes de igual a igual. Se un deputado galego non sabe falar galego, digámolo claramente, é porque é unha persoa sen educación, en todos os sentidos da palabra. E Feijoo a iso chámalle libre escolla de idioma.
Por iso eu pido humildemente a colaboración de quen poida ler este blog. Preciso que me digades quen son exactamente os deputados que optan por falar en castelán. Dado que a páxina web do Parlamento de Galicia facilita a dirección de correo electrónico dos seus membros, é fundamental que empreguemos este medio (eu, polo menos, vouno facer) para dicir claramente o que pensamos duns representantes do pobo que descoñecen unha das dúas linguas oficiais de Galicia (a propia, para maior vergoña) e aínda teñen o descaro de se gabar de semellante eiva.
Estamos na loita.