lunes, marzo 02, 2009

A lección de Galicia Bilingüe

De acordo, sería preferible deixar pasar uns días e reflexionar con calma sobre as eleccións. Non é bo botar a lingua a pacer e moito menos poñer por escrito opinións que probablemente non van espertar adhesións. Vale, será así, pero hoxe teño o corpo crítico e non podo evitar esta pequena sesión de autoxenreira. Aí vai: a cuestión é decidir que influencia puido ter o movemento chamado Galicia Bilingüe nos resultados de onte. Eu creo que moita, ou polo menos dabondo, o suficiente para mobilizar a unha decisiva porcentaxe de cidadáns.
Antes de que os tremendistas se persignen ou saquen o dicionario de adxectivos, direi que non comparto en absoluto as propostas que fan os devanditos Bilingües. Paréceme unha absoluta aberración iso de separar os rapaces en función da lingua, creo que un filólogo cun mínimo de vergoña (vese que Gloria Lago non o é) non debería nunca reclamar en público o que eles chaman "bilingüismo pasivo" e sigo dicindo que calquera sistema educativo que non garanta a plena competencia lingüística en galego e castelán é un absoluto fracaso e unha ofensa aos cidadáns de Galicia. Dito o cal, recoñézolle a Pousada e Lago unha habilidade e unha intelixencia abraiantes á hora de poñer de manifesto certas contradicións nas que ata agora non repararamos. É certo: o decreto educativo do bipartito non garante en absoluto que os rapaces teñan un dominio do rexistro culto do castelán, algo que non parece admisible. Partindo desa base, e da absoluta indiferenza que teñen moitos cidadáns de Galicia cara aos asuntos do idioma, Lago e Pousada construíron unha rede moi ben artellada, con puntuais apoios políticos pero sen unha equiparación definitiva nin co PP nin con esa cousa chamada UPyD. Decatáronse de que, por moito que nos sorprenda a algúns, á maioría dos galegos non lles importa o máis mínimo iso dos "sinais de identidade", por non falar de conceptos máis solemnes como "nación" ou "pobo", e fixeron uso dese desleixo para acadar os seus obxectivos. É moi doado para calquera sofista con facilidade de palabra poñerse na Rúa do Príncipe e criticar a Lei de Normalización Lingüística, amparándose naquilo tan impactante de "¿es que acaso somos subnormales los que no hablamos gallego?". Os Bilingües conseguiron reforzar a idea, xa presente en moitos cidadáns con pouca afección aos actos de raciocinio, de que a lingua e a ideoloxía camiñan sempre xuntas, sendo aquela un simple instrumento de afirmación desta. Noutras palabras, convenceron a moitos cunha vella e eficaz trampa: se falas galego, ou es da aldea ou es do Bloque (cousa fermosa a primeira e lexítima a segunda, pero mal vistas para moitos); ou, aínda peor, cobras unhas tremendas subvencións por falar galego, un argumento moi interesante e lamentablemente falso (digo "lamentablemente" porque eu levo case toda a vida falando galego e aínda non me puxen rico). Por se fosen poucos estes argumentos, Galicia Bilingüe contou con dous aliados espontáneos que seguramente non entraban nos seus cálculos iniciais. Por un lado, os discursos e as medias palabras de certas persoas para as que o único importante na vida é a conta corrente (por exemplo, o presidente do Club Financiero de Vigo e o editor de La Voz de Galicia). E por outro, o que máis estarrece, contaron coa decisiva axuda de todo ese fato de parvos que se dedicaron a boicotearlles as manifestacións, a meter ruído, a insultalos, a convocar xuntanzas por internet, a convertelos nas heroicas vítimas dun sistema represor. Alguén se estraña de que, con tales premisas, chegasen a xuntar máis de cen mil sinaturas? Alguén se sorprende de que Núñez Feijoo xa non mencione nunca o Plan Xeral de Normalización Lingüística, asinado polo PP no 2004, e fale agora dun sistema de elección de lingua por parte dos pais para o curso que vén?
Seica houbo un adestrador do Barcelona que dixo que o seu equipo gañaría no campo do Betis sen necesidade de baixar do autobús. Por suposto, perdeu. Esa é a clase de soberbias que nos fan dano. Pode que xa sexa tarde, pero ao mellor aínda estamos a tempo de estudar a estratexia do inimigo e aplicala, cando corresponda, na defensa dos nosos intereses. Veñen anos duros. Deus queira que aqueles que aínda sentimos a lingua galega como algo noso saibamos organizarnos e amosar con firmeza a nosa vontade de seguirmos sendo galegos. E, para iso, é inevitable que nos poñamos belixerantes, que sexamos absolutamente firmes na defensa dos nosos dereitos de galegofalantes. Hai que encher as caixas de correo de protestas cada vez que un funcionario non nos atenda na lingua da nosa elección, cada vez que un político estrague un discurso a base de tempos compostos e pronomes mal colocados, cada vez que teñamos un problema cun notario, cun cura, cun garda civil, cun empregado do Corte Inglés. E hai que deixar moi claro que, independentemente das ideas que teña cada un, non actuamos así porque creamos na existencia da nación galega ou porque reivindiquemos unha cultura milenaria ou porque pensemos que hai que respectar o que herdamos dos devanceiros. Non, é máis simple e á vez máis contundente: queremos vivir en galego porque é o noso dereito.
E, por certo, se non o digo rebento: como alumno que fun do I. B. San Tomé de Freixeiro, dáme noxo que nas mesmas aulas onde impartiron o seu maxisterio persoas como Carlos Casares, Víctor Freixanes, Evaristo de Sela, Manuel Rodríguez Álvarez, Gonzalo Navaza ou Consuelo Romón, estea agora esa parella de defensores da eutanasia cultural, Pousada e Lago, Lago e Pousada. Que vergoña, amigos, que vergoña.

10 Comments:

Blogger Begoña said...

Esta mañá, no meu traballo (cita previa dun centro de saúde):

-¡Qué! Ahora se te va a acabar todo eso del gallego.
-Como di?
-Sí, eso de hablarnos siempre en gallego.
-Dubídoo moito.
-"Dubídoo moito", dice. Qué graciosa. ¿Sabes? A mi no me gusta nada el gallego.
-Por que?
-No sé. No me gusta. Nunca me gustó.

Vexamos. Son unha persoa traballadora, educada, amable e empática, que tenta sempre axudar a pacientes -a esta paciente en concreto- e compañeiros moi por riba do que calquera consideraría a miña obriga. Mais, ai!, teño un enorme defecto, que seica agocha as miñas máis que evidentes virtudes.

Falo galego. A xente galega. Que me entende perfectamente.

Unha terrible imposición.

Dá igual como sexamos. O que odian é o que representamos, ou o que eles pensan que representamos, sexa o que for.

10:56 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Si señor, e que así se faga! Estou totalmente de acordo con vostede.

Heino chamar mañá para tratar dos nosos quefaceres literarios na cidade do Saber.

Saúdos dunha "que seica le".

11:36 p. m.  
Blogger Mr Tichborne said...

Concordo en moito do que vostede di, pero coido que sobredimensiona o poder de Galicia Bipolar ou como se chame. Dubido que poidan arrincar centos de milleiros de votos se non xuntaron nin cinco mil "mataos" en Compostela hai unhas semanas. Non coido que utilizaran hábilmente o aparello mediático, senón ó revés: certos medios usaron a GB e as súas delirantes teses para zumbarlle ó anterior goberno.
E o caso que conta Cau deixoume moi triste, en serio.

1:44 a. m.  
Blogger busto.agolada said...

Hai verdades que necesitan ser expresadas tan diafanamente com as que aquí acabo de ler.
Eu reclamo ese dereito de vivir en galego, sempre e en calquera recanto de Galicia. Por dignidade e por respecto. Por orgullo e por lealdade a tantos que sufriron rexeitamento por expresárense nunha lingua minorizada.
Saúdos

5:37 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

No sé. Nunca me gustó. Que gracia. A min pásame o mesmo con Manolo García

12:28 p. m.  
Blogger Pablo Eifonso said...

Pois estou de acordo coa pragmática reflexión que fas na entrada. Penso que reivndicar o noso dereito é unha arma deocrática poderosa. Evidentemente, a administración ten que poñer os medios necesarios para garantir que os escolares teñan competencia igoal nas dúas lingoas: e iso pasa, tecnicamente falando, polo uso racional e eficiente da ferramenta didáctica da inmersión e o uso normalizado do galego no ensino.
A identificación lingoa/nacionalismo político é unha das maiores eivas para avanzar na normalización do galego e un dos maiores atrancos para a realización dunha vida cotián tranquila na nosa lingoa.
Parabéns pola entrada.

6:56 p. m.  
Blogger paideleo said...

Xuntáronse demasiados factores nestas eleccións e GB foi un máis pero non creo que sexa o máis importante.
Teño unha aclaración filolóxica no meu blogo.

11:13 p. m.  
Blogger paideleo said...

Este comentario ha sido eliminado por el autor.

11:13 p. m.  
Blogger pablo gonzalez said...

Estimado amigo,

Felicítoo polo valor de recoñecer que é un erro identificar lingua (cultura) con ideoloxía política. Sen chegar a pensar que a cultura desenvólvese nun eido anxelical, penso que esta identificación, levada a cabo tanto por GB como por certos elementos nacionalistas non pode traer máis que conflictos que superan ó puramente lingüístico.

Se imos defendela lingua non podemos facelo unicamente dende unha alternativa política (castelán=españolismo, galego=galeguismo) que limita (exclúe) a identificación individual. Gb foi hábil ó non identificarse claramente con ningunha opción partidista, polo que logrou atraerse unha masa de poboación que non comparte os seus prexuizos lingüísticos, cousa que non soubo facer o goberno galego, explicando, por exemplo, que a escola é unha organización viva en contacto coa sociedade, polo que a non consecución de obxectivos de competencia lingüística en castelán non é principal.
Escapar de explicacións sinxelas como que a escola debe crear cidadáns que troquen a sociedade e non simplemente que se aproveiten dela (obxectivo que sobrepasa os obxectivos políticos puramente nacionalistas, aínda que os comparte) ou que o esforzo engadido ós escolares (pedra sobre a que xira o argumentario de GB) polo uso do galego ou do castelán é contrario a calquera principio pedagóxico levou o debate ó terreno dos intereses políticos a curto prazo. E aí é onde Galiza sae perdendo.
Un saúdo.

1:25 p. m.  
Blogger porto do mendo said...

hai un pais que se chama Suiza, cuxa esistencia semella descoñecer GB, asi como outra que se chama Belxica, tamen vexo no mapa unha tal Finlandia, etc., en fin a bon entendedor...

12:05 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home