miércoles, febrero 18, 2009

Votantes e residentes

Nacín en Venezuela, pero só pasei naquel país o primeiro ano e medio da miña vida. Aínda así, durante ben tempo tiven un papel no que se me atribuía nacionalidade venezuelana. De feito, nin sequera estou moi seguro de non o ter xa. O caso é que nunca se me pasou pola idea votar nas eleccións da miña terra natal. Fáltanme vínculos afectivos e emocionais. Sobre todo, fáltame coñecemento da realidade. Non me parecería lóxico nin sensato que o meu voto decidise, por exemplo, o alcalde de Caracas.
Non quero dicir con isto que se deba impedir o voto dos galegos que viven no estranxeiro, pero é evidente que hai que regular con urxencia ese dereito, de xeito que se impidan arbitrariedades absurdas. O meu querido parente Benito, que en paz estea, viviu sesenta anos seguidos na Arxentina e votou sempre que puido, aínda que os seus coñecementos sobre a situación e as prioridades do concello de Ramirás e de Galicia enteira eran, como ben se pode imaxinar, moi limitados. É isto xusto? No caso de que a resposta sexa afirmativa, é lóxico que entón eu, que vivo en Zamora, non teña dereito a votar nas eleccións autonómicas galegas, a pesar da miña proximidade e da altísima frecuencia con que cruzo A Canda?
Sei que o debate que propón hoxe Brétemas é delicado e pode ferir a quen menos o merece (de feito, pido perdón a Torredebabel se lle molesta algo do que digo), pero tamén penso que xa é hora de poñer remedio a un problema demasiado vello.
E permítanme que remate esta entrada coa pregunta que formula ás veces un coñecido meu, amigo constante das brincadeiras: é lexítimo que as monxas de clausura e os anacoretas (se os houber) teñan dereito a voto?

2 Comments:

Blogger A lareira de Santiso said...

A miña opinión é a mesma cá que penso que abunda en toda a xente que non está no poder. Curiosamente chegados a ese status parece que mudan as prioridades

2:52 p. m.  
Blogger torredebabel said...

Ola Veloso, non me sinto ofendida por estas opinións túas, dende logo. Pero tamén, certamente, penso no asunto de xeito moi distinto. E, claro, penso distinto porque o descoñecemento ou a desinformación non veñen necesariamente da residencia: eu leo cada día case mais xornais galegos que arxentinos. Pago, ademais, impostos na terra e vou alá cada vez que podo. E levo con orgullo a lingua e a cultura da Galiza ainda mais que moitos que alí viven. Quen será tan galego, o dono do galeguismo, para dicir que eu non son galega? Cal é a vara coa que se mide o galeguismo? Porque sei dunha chea de xente que non ten idea do que pasa na Galiza mesmo vivindo nela...

Unha reforma deste sistema é urxente, niso penso que calquera cun mínimo sentir cidadán está dacordo. Agora ben, paréceme escandaloso que -tendo coma temos os galegos e os arxentinos e os uruguaios e os chilenos historias de dictaduras e de eliminacións de dereitos- haxa quen vai por alí esixindo que se deroguen dereitos alleos. Non entendo como alguén cun coñecemento básico da historia da humanidade pode aturar algo como iso.

Moito menos, ainda, entendo que esas proclamas se fagan en nome da democracia. A democracia esixe a voz do pobo, que no caso da Galiza -como calquera sabe- non vive todo na terra. Ti mesmo es galego, escribes en galego a túa obra e non vives na Galiza. Unha reforma do sistema de voto ten necesariamente que contemplar iso: que os criterios de xeografía non son axeitados neste caso. Tanto para quen vive no Estado Español como para quen vive en Bos Aires.

E se so poden votar os galegos que viven na terra, entón non teremos unha democracia xa que so unha parte do pobo terá capacidade de decidir -a través dos seus representantes- o presente e o futuro da Galiza.

O caso da túa relación con Venezuela é claro: nin ten nin te interesa ese vencello que podes ter por nacer alí. Non é o caso de milleiros de galegos que -ao longo das décadas- mandaron cartos, axudaron ás súas familias, ainda hoxe manteñen casas na aldea ou nunha vila e coñecen mais da realidade do país que moitos residentes. Esa tamén é a realidade. Non a que reflicten os medios, sempre parcial e interesada. A realidade do señor Rocha que abriu co seu irmán unha tenda en Vigo e pasa alí tres meses ao ano e o resto nunha aldea da provincia de Bos Aires. Non é galego o señor Rocha? non debe votar porque ten a residencia na Arxentina?

As cousas non son como as estades vendo na Voz de Galicia. E eu mesma son proba de que hai unha realidade que nada ten que ver coa manipulación ou a desinformación ou o desinterese.

11:38 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home