miércoles, febrero 25, 2009

Tempo libre

A rapaza da Seat ten un sorriso engaiolante, o mínimo que se pode pedir a unha persoa que che vai cobrar máis de douscentos euros por unha serie de misteriosas e invisibles operacións denominadas "cambio de aceite e filtros". O principal problema veu cando a moza risoña dixo "estará a las seis y media", o que implicaba que dispuña de dúas horas e pico absolutamente baleiras por diante. "E agora que fago?", pensei, mentres me botaba a andar de xeito errático e compulsivo polos arrabaldos de Zamora, cheos, como en todas as cidades, de concesionarios e grandes ferraxerías. "Podo reflexionar sobre as eleccións do domingo", pero decontado descartei o proxecto. Moito temo que ese sino atormentado e castigador da xente de esquerdas nos conduza a unha elevada abstención e, xa que logo, a un goberno de maioría absoluta do PP no que, moi posiblemente, a inefable Corina terá altísimas responsabilidades. Decidín, pois, que non pagaba a pena perder o tempo en tales negruras, así que optei pola solución máis práctica e feliz: o centro comercial. E alí estiven, no xigante Eroski, remexendo entre ofertas de música, libros e roupa deportiva. Por sorte, conseguín vencer a tentación e non merquei nada, aínda que pouco faltou para que adquirise un cd de grandes éxitos de Albano (con e sen Romina Power). Á hora indicada, mentres regresaba á Seat e agardaba o marabilloso intre de atopar de novo o sorriso da rapaza que me atendera, pensaba nas cen ou duascentas páxinas que César Vidal levaría escrito mentres eu deambulaba, e nas mil sinaturas que os Bilingües xuntarían no mesmo intervalo, e nos novos manifestos patrióticos que estaría a redactar o egrexio Fernández-Latorre... Pensaba tamén no tempo arelado, nas patrias suicidas, nas cidades da cultura, nas terras autoodiadas, nas viaxes de pensionistas con pasodobre incluído, nas feiras d´A Habana, nos prosistas decadentes que escriben blogs e non dan atopado o camiño de volta, no prezo excesivo dos recambios de filtros. E pensaba, por fin, no vello e melancólico que se puxo ultimamente o tipo do espello.

1 Comments:

Blogger A lareira de Santiso said...

Ogallá che saian bos os filtros, porque se non vaiche reventar a cabeciña.. ou iso ou che insisten para que vaias nalgunha lista. Eu case prefiro o reventamento. Apertas!

7:21 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home