martes, junio 09, 2009

Carta aberta a un fato de parvos

Membros de Resistencia Galega ou como raio vos chamedes:
Para o caso de que chegue esta mensaxe a algún de vós, quérovos dicir, con toda enerxía e solemnidade, que sodes uns parvos do carallo, uns palermos sen cabeza nin sentido común nin remedio. Sodes, en resumo, unha merda, e non merecedes máis que desprezo. Pensades -no caso de que tal actividade sexa posible no voso cerebriño de vermes- que lle facedes moito ben a Galicia estragando o coche de Gloria Lago ou ceibando pintadas na súa casa? Credes que hai algo heroico e definitivo na vosa actitude? Non vos decatades, babecos do inferno, que estades convertendo a esa banda de friquis galegófobos chamados Galicia Bilingüe nuns mártires da liberdade? Seica estades, pailarocos, tan gafos de lagañas no voso entendemento, que non vedes o dano que nos estades a facer aos que pretendemos empregar a lingua galego decotío, en todos os eidos da vida, sen que ninguén nos identifique por iso con ningún tipo de extremismo ou inadaptación? Non vos dá vergoña que este "traballiño transgresor" que vindes de perpetrar lle dea azos ao sector máis retrógrado do xornalismo galego, por exemplo ao anormal redactor do Faro de Vigo que publica a nova da vosa acción baixo o epígrafe "conflicto lingüístico", no canto de "sucesos" ou "actividades delincuentes", como faría unha prensa máis intelixente e respectuosa cá que temos?
Dades noxo, Resistencia Galega, máis vos valería empregar o voso tempo en aprender a colocar pronomes ou facer prácticas de ene velar. Pero para iso, agora que o penso, precisariades unha mínima intelixencia, que é xusto o que non tendes.

6 Comments:

Blogger paideleo said...

A violencia remata sempre con violencia. Nunca fun partidario deses sistemas.

11:46 p. m.  
Blogger Pablo Eifonso said...

Quen sementa ventos, colleita tempestades. Este é o mundo cruel no que vivimos. Se cadra, Gloria Lago nono sabía cando decidíu dar un xiro á súa vida cara ao protagonismo político e social, a costa de asuntos especialmente sensibles como é a lingoa dun país. Se cadra pensaba que tal ascenso, a base de utilizar ferramentas pouco recomendables, como a manipulación dos feitos, a mentira, a esaxeración, a utilización da ignorancia e febleza cultural de xentes de boa fe, ou a burda demagoxia, era gratis. Pois semella que non: sempre hai algún descontrolado encargado de lembrar os custos do éxito con esas cargas. Así sonche as cousas, así son os riscos que corremos se nos metemos a apañar herba en prados onde pace todo tipo de gando.
Así o vexo, por máis que rexeite a violencia utilizada estes días contra os bens da Sra. Lago, e me disguste a propaganda gratuíta que dela se deriva para a irresponsable estratexia da asociación creada por Gloria Lago.

11:30 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Concordo. Fan falta máis mensaxes contundentes nese sentido. Que favor lles fan máis grande?
Só unha cousiña, Resistencia Galega existe?

12:28 a. m.  
Anonymous Alfredo Ferreiro said...

Sumeime á súa protesta referenciándoa n' O levantador. Aperta.

11:06 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Estou totalmente en contra do uso da violencia e penso que Resistencia Galega faille moito mal ao nacionalismo galego, pero unha cousiña.

Non che parece que esas pintadas son máis cousa de rapaces de instituto que de fulanos que teñen posto bombas?

E aínda hai outra opción, que antes parecíame imposible pero que xa non descarto. Cando hai pouco apareceron as pintadas no Lake-móbil, houbo xente que comentaba que igual o fixera ela mesma para chamar a atención de Feijóo, xa que este parecía estar pasando un pouco do tema.

Así de primeiras parece unha explicación absurda, pero pouco tempo despois medios "digitales" denuncian a existencia dun xogo onde hai que disparar a Glory. Sorprendentemente, aínda que o blogomillo é pequeno e que é fácil moverse nas webs dos máis radicais, nin antes nin despois da denuncia puiden ver o xogo nin a ninguén que o coñecese.

Moi sospeitoso que un xogo feito por galegos radicais sexa coñecido por todos menos polos galegos radicais.

11:09 a. m.  
Blogger R. A. said...

Totalmente de acordo có texto. Suscribo ata a última coma. Coma tantas veces, unha chea de gamberros descerebrados erguendo a papóns (e paponas) a altares que non lles corresponden.

11:30 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home