jueves, agosto 16, 2007

Antes das vacacións

Sobre a asociación da que falei o outro día, creo que debemos establecer un obxectivo moi preciso e concreto. Persoalmente, propoño, para principiarmos o camiño, que loitemos para que a prensa galega, esa que mercamos todos os días no quiosco, non agoche a nosa lingua no nobre recuncho dos suplementos culturais. Esa é a nosa meta. E é preciso que nos organicemos.
Sei que son datas complicadas e que os amigos do blogomillo teñen procedencias moi diversas, pero aínda así arríscome a propoñer a aqueles que poidan que pasen o vindeiro mércores, día 22, ás 20 horas, polo Café De Catro a Catro, na rúa Xerona, en Vigo. Tomarémoslle un grolo e poremos por riba da mesa as ideas que se nos ocorran. Por se vai alguén que non me coñeza, e dado que non me atrevo a lucir caravel na lapela, levarei un exemplar do libro que dá nome a tan célebre café. Acudide, estades convidados.
Por certo, mañá marcho de vacacións, así que, agás novidade, dou descanso ao blog ata finais de setembro. Unha aperta a todos. Pasádeo moi ben alá onde vaiades.

lunes, agosto 13, 2007

O espazo e o tempo

Ás catro da mañá dun sábado, Vigo é unha cidade de maioría castelán-falante. Pasen polos locais de moda da zona do Areal e comprobarano.
No entanto, ás seis da mañá dun luns, o galego é a lingua dos madrugadores. Escoiten as conversas dos que viaxan nos autobuses de Citroen ou dos estibadores do porto ou dos blogueiros que renuncian ás sabas co propósito de escribir unha novela.
Tiren vostedes as súas propias conclusións.

martes, agosto 07, 2007

Contra a preguiza de agosto

Confésoo: son un tipo preguiceiro, dedico moitas horas aos biosbardos e moi poucas á acción. Aínda así, abóuxame tanto o balbordo dos últimos meses que decidín dar un pequeno paso adiante. Comunícovos que teño intención de botar a andar, con tanta modestia como entusiasmo, unha asociación que promova e defenda a lingua galega. Farémolo con ollos limpos e intencións claras. Non admitiremos nunca ningunha axuda nin subvención de ningún organismo oficial. Non admitiremos mestura nin confusión con ideoloxía política de ningún tipo. Non promoveremos xenreira nin discordia ningunha coa lingua castelá. Con estas premisas, camiñaremos. Prego a opinión e, no seu caso, a colaboración de todos os amigos deste blog. Antes de falarmos, quérovos escoitar.

jueves, agosto 02, 2007

Na beira do Douro (2)

Hoxe, como sinal de desenfado prevacacional, saio á rúa lucindo a camiseta do Sporting de Lisboa. Aínda me dura a emoción de onte á noite: o concerto da Banda de Música de Zamora foi sinxelamente marabilloso. Por min, non paga a pena que os concellos estraguen os seus orzamentos contratando os Rolling Stones ou cousa semellante. O grupo de rapaces dirixidos polo mestre Petit, sen necesidade de grandes escenarios, sementou no meu espírito un benestar xeral que me ha vir moi ben para este agosto convertido en forno. Tamén axudou o contaxioso entusiasmo dun dos espectadores, un home de pelo longo e aspecto bondadoso, seica fillo do filósofo García Calvo.
Mágoa que, a miúdo, a traxedia teime en tronzar a melodía.