Antes de que as máquinas da Deputación o convertesen nunha pista de paseo para xubilados, o camiño do Regueiro era estreito, húmido e sombrizo. Tamén era un lugar moi transitado, o que probablemente lle salvou a vida a Eduardo, o ferreiro do Pazo.
Nunha mañá calorosa, vindo o ferreiro de rozar toxos, a mula que turraba do seu carro colleu a revolta do Pazo por unha beira, sen que os ánimos nin a aguillada fosen quen de conducila polo sitio correcto. O carro volteou, a mula caeu e Eduardo, que xa non era nada novo, quedou atrapado sen posibilidade de movemento. Quixo a sorte que pasase por alí a Esperanza de Fontebranca, chamada a Chordella, unha anciá á que lembro fráxil, xorda e desdentada. A pobre muller, cos seus oitenta e tantos anos, non podía axudar a erguerse aos caídos, polo que tratou de tranquilizar o ferreiro e botou a andar cara a Silvaoscura con toda a velocidade que lle permitía o caxato. Como é de supoñer, aínda lle levou un bo pouco. Cando, xa case sen folgos, viu as primeiras casas do lugar, principiou a berrar, con aquela faliña aguda e suave que tiña, e a pedir que lle fósemos valer ao accidentado.
A miña nai, ao escoitala, mandoume correndo ás viñas a avisar o meu pai e o meu avó, que andaban alí entretidos nalgún deses traballos dos que sempre fuxín. Saín da casa xubiloso, sen importarme o postre que abandonaba, sentíndome partícipe dunha importantísima misión de rescate. Berrei canto puiden e dei razón do sucedido. En poucos minutos, co meu aviso e o de varios veciños, todo o lugar de Silvaoscura corría cara ao Regueiro. Eu fun, dada a miña condición de pregoeiro, un dos últimos en saír; aínda así, o feito de que todos os corredores fosen de idade considerable e eu andase polos catorce ou quince anos facíame concibir esperanzas de chegar o primeiro. Con enérxica vontade, sen importarme os suspensos que sempre recibín na asignatura de Educación Física, fun adiantando os que me precedían, que xa facían dabondo con manter un ritmo lixeiro e aceptablemente equilibrado. Deixei atrás o meu avó, os meus pais, o Emilio Malo (cando eu era pequeno metíase moito comigo e eu chamáballe malo; de aí o seu alcume), os veciños todos...
Xa albiscaba ao lonxe o ferreiro, entalado entre o carro e a mula. De súpeto, o calor da tarde e o recente xantar xogáronme unha mala pasada. O estómago rebelouse e tiven que poñer fin á carreira. Polo menos deume tempo a saír do camiño e refuxiarme no monte. Alí, mentres vomitaba contra un piñeiro, aínda vin de esguello como a xente de Silvaoscura salvaba o ferreiro do Pazo.