jueves, diciembre 01, 2005

Os de Silvaoscura (27)

Por algunha razón que descoñezo, os nosos solteiros tiveron sempre vocación de personaxes de novela. O Xulio Terrible, por exemplo, podería figurar nalgún relato romántico de final misterioso, preferentemente vestido co seu uniforme de garda civil. Contan que o tal Xulio caeu namorado dunha rapaza á que coñecera no primeiro destino que tivo, nun cuartel fronteirizo, alá pola banda de Lobios. Daquela, era costume que os galanteos previos a calquera noivado se celebrasen na mesma casa da pretendida, sempre baixo unha vixianza discreta dos pais da moza, que agardaban nalgunha habitación próxima e interviñan de contado no caso de intuír o máis mínimo desenfreo. Sabendo tales condicións, o Terrible visitou, pois, á súa amada, e alí estivo en conversa con ela, sen atreverse en ningún momento a revelar a paixón que o consumía. Por máis que discorría, o garda non atopaba as palabras axeitadas para o seu propósito amoroso. Pasadas varias horas, cando xa era noite pecha e os presuntos sogros se impacientaban, Xulio tomou por fin unha decisión:
-Gústoche?
-Gústasme.
-Daquela mañá volvo.
Por desgraza, a relación non chegou a callar, polo que o Terrible seguiu convivindo co seu alcume en soidade durante todos os anos da súa benemérita existencia.

2 Comments:

Blogger torredebabel said...

Marabillosa, e xa estou sempre anotando o mesmo. Cóntoche que onte quedei unha hora e meia mais no traballo lendo todo-los textos que tes no blog. Dende os primeiros ata a serie de Silvaoscura (do 1 ao 26 e hoxe o 27). Por iso, feita xa unha experta, berro dende a diáspora: "Quero, necesito, exijo o libro!!!!!!!!".
Apertas!!!!!

10:04 p. m.  
Blogger Veloso said...

Moitas grazas, Torredebabel. É luns, son as oito e media da mañá e acabas de facerme feliz para o resto do día. Unha aperta.

8:24 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home