Os de Silvaoscura (25)
Aquela mañá, os meus avós botaron a andar polos carreiros ben cedo. Ían con eles o tío Elías, irmán da miña avoa, e a tía Pepa (que en paz estea), irmá do meu avó. Pode que aínda non houbese coche de liña, imaxino que a estrada sería de terra, é moi posible que fixese frío... O caso foi que puxeron pés ao camiño e percorreron os quince quilómetros que separan os seus respectivos lugares, Calvos e Silvaoscura, da vila de Celanova. Polo que se ve na única fotografía que se conserva daquela xornada, a miña avoa levaba un vestido escuro, moi sinxelo. O meu avó ía de traxe negro, sen gravata. Como é natural, intúese que os dous tiñan os zapatos cheos de pó e lama.
A cerimonia celebrouse no convento de San Rosendo, en plena Praza Maior. Oficiouna o Padre Castaño, un crego simpático ao que moitos lembran por algún libro que escribiu (consellos para a muller solteira e reflexións sobre o matrimonio) e as palabras que dedicaba sempre aos homes recén casados ("nunca te cagues no cura que te casou").
Rematada a misa, o cuarteto foi comer unha empanada á Taberna do Galo, un local no que, andando o tempo, Celso Emilio Ferreiro escribiría parte da súa obra. Atoparon alí a un tal Marcelino, un veciño do Tellado que se uniu ao grupo e pagou o viño.
Despois de xantar, despedíronse padriños e noivos. O tío Elías e a tía Pepa regresaron polos mesmos carreiros da mañá, outra vez a pé. Os meus avós colleron o coche de Ourense e foron pasar a noite de vodas á capital.
Todo isto sucedeu o 29 de novembro de 1943. Mañá cumpriranse sesenta e dous anos. Se ides a Silvaoscura e chamades á casa que está no Medraño, a que ten o número dez por riba da porta, atoparedes aos meus avós, vellos e felices.

8 Comments:
fermoso!! lembrei do casamento dos pais da miña avoa que, como eran curmáns tiñan que pagar se querian casar-se. Pero o mozo dixolle ao cura: "O me casa usted o nada, yo ya estoy casado en lo que importa así es que ya sabe...". E o crego casounos, sen cobrar os cartos que mercaban o perdón celestial.
Rei de Copas, eu son fan das histórias de Silvaoscura. Cando sexan libro, quero ser das primeiras en mercá-lo dende fora da terra!
Graciñas polas vosas palabras. Transmitireillas aos meus avós cando os chame dentro dunhas horas. Un saúdo, Satine, alégrome de verte por este espazo cibernauta. Torredebabel, oxalá algún día sexan libro estas historias. De momento, faime moi feliz saber que vos gustan a algúns galegos que tendes a amabilidade de lelas. Un saúdo.
Parabéns para eles a para ti tamén, pois fai sesenta e dous anos comezou tamén a túa andaina sen sabelo.
Eu si que coñezo ben aos avós de Jorge. Sen darme conta, pouco a pouco, convertinos nos meus propios avós. E eles consinten que sexa así cando chego á súa casa e lles chamo "abuelo" e "abuela". Non podo ir a Silvoscura e non sentarme un pouco con eles na cociña, se é inverno, ou no patio, se é verán,síntome rara se non o fago. Son unha parella invidiable, moi felices os dous xuntiños e aínda se botan olladas cómplices. Iso sí, os dous teñen un "olliño" moi especial: Jorge!
Oxalá poidas / poidamos disfrutar moitos anos cos teus avós. Un bico.
Nunca imaxinei que o blog fose ser fonte de emocións, pero resulta que hoxe está a ser un día emocionante. Graciñas, Chu, agardámoste na comunidade blogueira. E graciñas, Folerpa, noraboa por eses cen días de travesía. Oxalá sexan moitos máis.
Unha aperta para todos.
Vaia, estaba respondendo e apareceu unha nova mensaxe. Grazas tamén a ti, Usuaria Anónima. É marabilloso isto de que os amigos, os coñecidos e os descoñecidos, participen nesta pequena festa de aniversario. Grazas a todos.
Esa si que e unha voda e non as das revistas e ese e un amor e non os de Hollywood.
Noraboa para eles e a tua familia por ter semellante exemplo.
Moitas grazas, Acedre. Como curiosidade, direiche algo que esquecín ao escribir o texto: o único regalo que recibiron foi un pote cheo de fabas que lles deu unha tía da miña avoa. Aínda non se levaban as listas de voda do Corte Inglés. Un saúdo.
Publicar un comentario
<< Home