jueves, noviembre 03, 2005

Os de Silvaoscura (17)

O tío Xosé, irmán da miña avoa Avelina, foi home de profunda fe relixiosa. Cando chegaban as doce do día, paraba os traballos do campo e rezaba o ánxelus con aquela voz crebada que o fixo merecente dun alcume definitivo: o Rouquiño. Polas noites, se llo permitían as súas obrigas, lía na Biblia coa escasa luz de que dispuña; foi, precisamente, esta afección lectora o que o levou a quedar completamente cego. Por sorte para el, antes das tebras, aínda houbo un intre de luz en que puido cumprir un dos seus maiores soños, que non era outro que dicir Misa. Nunha ocasión en que se atopou a soas co seu irmán Eloi na capela do San Xoán, laiouse da imposibilidade dos segrares -era un home casado, con fillos- para misar. O tío Eloi, que debía de ter un carácter bondadoso e práctico, convidouno a aproveitar o momento e exercer de oficiante. E así foi; un dos irmáns facía de cura e o outro de fregués, nunha Misa chea de devoción da que talvez non poidan presumir moitos profesionais do sacerdocio.
O tío Rouquiño tivo unha morte terrible. Xa preto dos cen anos, a cegueira e a confusión non o avisaron a tempo de que o lume da cociña lle prendera no corpo. Foi un mal final, sen dúbida, pero estou seguro de que Deus lle perdoou as súas faltas, case todas elas relacionadas coa tentación da carne, e lle deu unha cadeira cómoda nun lugar soleado, por suposto no mesmo Ceo.

1 Comments:

Blogger acedre said...

A morte polo lume semellame a pior das mortas posibles. So por iso unha persoa merece un paraiso cheo de xardins e de beldades.

3:54 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home