miércoles, octubre 26, 2005

Os de Silvaoscura (16)

Non só o Benito das Regas compaxinaba dous oficios. Tamén o Pepe da Veiga foi , durante moitos anos, muiñeiro e vendedor de cadaleitos. O seu muíño do Soutomiao cumpría funcións de almacén de ataúdes, o cal debía de causar algún reparo nos veciños que acudían de toda a parroquia para transformar o millo en fariña. Na miña imaxinación de neno, gustábame pensar que, mentres o cliente agardaba a súa vez, podía albiscar, a través dunha portiña, aquela morea de caixas. Non era de estrañar que o muíño acabase sendo un lugar de reflexión no que os paisanos conversaban sobre o efémero da existencia e mesmo improvisaban metáforas sobre as esvaídas fronteiras da vida e da morte.
Cando o Pepe se xubilou das súas profesións, o muíño quedou só, en silencio, como tantas outras casas das nosas aldeas que agardan a treboada que as tumbe. Pero, así como hai moribundos que gozan dun lóstrego de lucidez durante un intre, tamén aquela casoupa de ladrillo tivo a súa gloria final. Sucedeu (ou iso contan, que eu non o vin nin o xulgo) que un rapaz da comarca, neto ou sobriño ou veciño do Muiñeiro, decidiu rehabilitar o vello almacén e empregalo para os seus encontros amorosos. Alí onde houbera féretros, sucedíanse as apertas e a paixón. O abrente xa non acollía a chegada de camiñantes cun saco ao lombo, senón a saída de parellas que pretendían en van pasar inadvertidas.
Por desgraza, seica o rapaz botou moza formal. O vello muíño volve estar só, quizabes para sempre.

1 Comments:

Blogger acedre said...

Pois tenho que pedirlle a chave ao tal Raul.
Eu tenho un amigo en Redondela que e un manitas e, aproveitando unha baixa laboral, amanhou un muinho que estaba abandoado e preparouno como sitio para disfrutar. Logo os vecinhos lembraron que o muinho era de todos e andaban a reclamarlle. Non sei como acabaria o conto pero eu pasei un bo dia nese muinho cos companheiros do traballo.
Saudos.

12:22 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home