lunes, octubre 24, 2005

Os de Silvaoscura (15)

Entre os solteiros famosos da nosa Historia, merecen figurar con letras de ouro vello os irmáns Piernas, dos que xa falei algunha vez. Mágoa que a sabedoría con que souberon vivir non se acompañase dunhas nocións básicas de aseo corporal. Conta o meu avó que, estando un deles en transo de morte, acudiu á chamada dos veciños o párroco, seguramente un D. Benito do que teño oído falar pestes. O crego presentouse co viático e demais burocracias do final, subiu as vellas escaleiras da casa e parouse a conversar co irmán sano.
-O Castor estalle moi mal. Fíxenlle unhas patacas cun rustre de cebola e nin tan sequera as probou. Mal sinal.
D. Benito asentiu en silencio e entrou na habitación das agonías. O doente agardaba a súa hora envolto en dor e serenidade. Antes de principiar os trámites da extremaunción, o cura arrepiouse ante o inminencia da morte.
-Polo menos quítelle os calcetíns a este pobre home -dixo.
-Non lle son calcetíns, señor abade -respondeu o irmán-, élle carroña.

2 Comments:

Blogger acedre said...

Mui bo !. Que risadas botamos aqui !.
Un saudo.

3:34 a. m.  
Blogger Veloso said...

Graciñas, Acedre. Isto anímame a seguir contando cousas da miña xente.
Por outra banda, xa están sendo pesadiños estes do spam ou como se chame.

8:33 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home