lunes, septiembre 19, 2005

Proposta

Propoño que enchamos os blos (este e todos), as cartas ao director dos xornais e as caixas de correo das consellerías. Estes días teño lido comentarios a favor e en contra da nova Secretaria Xeral de Política Lingüística. Máis que criticala, creo que, polo de agora, temos a obriga de axudala. Mandémoslle ideas, suxestións, propostas, todo aquilo que poida servir para frear a agonía da lingua galega. Se queredes, empezo eu. Aí vou:
1. A Xunta subvenciona moitos eventos culturais, deportivos, reunións de empresas e cousas semellantes. Póñase como condición que a lingua dos carteis e da megafonía sexa a galega.
2. Lóitese contra a perversa identificación que fan algúns interesados, esa que di lingua=ideoloxía. Fainos moito máis dano do que pensamos.
3. Afórrense os cartos gastados na promoción exterior e traballemos en reforzar os alicerces da casa. Si, é moi emocionante que unha rapaza de San Petersburgo fale un bonito galego, pero case preferiría que o falasen os mozos de Vigo.
4. É importantísimo que os nosos representantes públicos falen galego. É máis, que o falen ben. O caos pronominal de Touriño é simplemente intolerable.
5. Aínda que hai honrosas excepcións, a maioría dos curas seguen a promover unha idea acomplexada e ridícula do galego.
6. O básico, o verdadeiramente fundamental é que os pais galegofalantes saiban que poden e deben transmitir a lingua aos seus fillos.
Por favor, máis ideas. Está en perigo algo moi importante.