Tópico e contratópico
Este verán conseguín ler máis do previsto. Eu son un deses que se propoñen unhas vacacións lectoras e que acaban paseando libros por pura ximnasia. Desta vez, no entanto, dei rematado unhas cantas novelas das que non vou falar por aquilo de que cada un ten os seus gustos e non hai por qué darlles demasiada importancia. Gustaríame, con todo, recomendar un libriño sen grandes pretensións. Titúlase "Buenos días, Sócrates", o seu autor é un tal Juan Carlos Ortega e lino nunha das miñas escasísimas sesións de praia. Fala de tópicos modernos, do abuso que facemos deles e do contentos que quedamos cada vez que botamos a pacer algunha frase elegante, progresista e supostamente intelixente. Como curiosidade, Ortega afirma que cada tópico leva de seu unha especie de contratópico, é dicir, un contrario ideolóxico igualmente válido para as conversas de café, ascensor ou salón de graos. Como exemplo, propoño dous ditos do tempo: a depresión post-vacacional da que se queixan uns e a beleza do outono que defenden outros. Eu son dos segundos, pero admito que non deixa de ser un falar.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home