Os de Silvaoscura (7)
Segundo contan os que o coñeceron, o Rachelo Vello lucía un brutal bigote do que estaba particularmente orgulloso. Lonxe da temible raia falanxista ou da moderación dos pais de familia, o bigote do Rachelo era grande, fero, desafiante, como de cosaco bebedor de vodka ou paisano de aldea gala. Porén, as maldicións bíblicas tamén chegan aos lugares pequenos. Unha noite, mentres o Rachelo durmía, a súa muller, Tantina, cansa de non saber cómo eran en realidade os beizos e o rostro do seu home, colleu unhas tesoiras e recortou todo o que puido aquel desmesurado apéndice. Cando o Rachelo espertou e se descubriu sen o seu símbolo preferido, comezou a ceibar grandes berros, a medio camiño entre o laio e a blasfemia.
A Tantina, temerosa da ira do seu home, buscou no maxín algunha solución. Por sorte para ela, aínda eran os tempos en que os animais vivían coa xente en aceptable harmonía.
-Foiche a cabra, home, foiche a cabra.
Os cronistas da historia din que o Rachelo aceptou a explicación sen poñela en dúbida nin por un segundo. Debía de estar moi namorado.

0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home