jueves, noviembre 24, 2005

Os de Silvaoscura (24)

Agardo que a miña prima Ana, filóloga de título e de corazón, se mergulle algún día nas redes de Internet e nos conte historias de Marnotos, de Fuerteventura, de Santiago de Compostela. Mentres tanto, cometerei a ousadía de narrar aquí un caso que lle sucedeu á súa avoa.

Polo que sei, a miña tía Pura tivo un pretendente que, miserias da vida, se viu obrigado a emigrar, non lembro se a Arxentina ou Venezuela. Principiou, pois, unha intensa relación epistolar, cousa moi habitual nos amores daquela época. Pero a miña tía, modesta e prudente, non confiaba moito na súa habelencia para a palabra escrita, polo que decidiu delegar tan delicada misión no seu irmán Elías. Este acolleu o encargo con entusiasmo e boa fe, disposto a colaborar no romance, e fíxoo tan ben que, durante unha boa tempada, o carteiro tivo traballo dabondo coas cartas que se enviaban Pura e o seu namorado. A relación foise consolidando, aínda que, para o gusto dos tempos, o mozo andaba algo silencioso á hora de falar de posibles casamentos.
Pero sucedeu que tamén o tío Elías tivo que emigrar, polo que houbo que buscar un novo escribinte. Desta volta, recibiu a encomenda outro dos irmáns, Pepe, chamado o Merellas por causas que ignoro. Mais Pura non contou con que, así como Elías era de seu sosegado e tranquilo, Pepe tiña un temperamento impetuoso e pouco amigo de sutilezas. Non lle gustaban, por tanto, as dúbidas do pretendente, así que, na primeira carta que redactou, formulou claramente a esixencia de matrimonio. "Ou dentro ou fóra", dicía a frase decisiva.
Non houbo resposta. Nunca máis se soubo daquel mozo transoceánico.

3 Comments:

Blogger torredebabel said...

os meus sogros casáronse por carta. Ó meu avó descobriu que ia ser pai por cuarta vez por carta. O meu padriño so viu ao pai ao chegar a Bos Aires con 4 anos. Coido que a vida galega vivía-se en stereo naqueles anos (metade alá, metade acá). Fermosa história, coma sempre...

2:08 a. m.  
Blogger acedre said...

Unha conhecida minha tinha que ter outro apelido. A sua bisavoa non sabia ler nin escribir e encargoulle a unha vecinha que lle escribise as cartas para o noivo emigrado a Brasil...e ao final o noivo quedou coa vecinha e a bisavoa tivo un fillo sendo solteira do noivo emigrado.
Historias que semellan novelas pero que estan ai.

4:20 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

permiteme que che suxira un tema que encaixa perfectamente na liña que mantes nestes teus relatos: Trata de darlle formato literario a aquel suceso onde casi fusilan a teu tio Eliseo ala polo ano 1936,cando un coñecido falanxista da parroquia o saudou o berro de " arriba españa, e teu tio contestoulle " queres ma chupar".

4:47 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home