martes, noviembre 15, 2005

Os de Silvaoscura (21)

Despois de casar coa Celia II, o Aurelio renunciou a Bruce Lee e sentou os alicerces da súa carreira musical. Así, afondou no estudo do acordeón e mercoulle á súa dona un deses teclados que gravan ritmos e melodías. Contratou logo a un rapazolo para que tocase o baixo eléctrico; fíxose cuns altavoces, unha furgoneta e uns traxes de cores vivas -deses de rabo longo e lapela brillante- e deu a coñecer ao mundo o Trío Tropical. O seu espectáculo, moi de moda nas vodas e verbenas de principios dos noventa, consistía nunha sucesión de pasodobres, rancheras e merengues, a miúdo mesturados con saúdos persoalizados aos asistentes -"esta vai para os de Silvaoscura, aquí presentes"- e algún conto malicioso e picante. O cumio da actuación viña sempre co bolero "Por el camino verde", que o noso veciño interpretaba coa mesma paixón con que anos antes executaba chaves e cambadelas.
Aurelio levou o nome do lugar por toda a volta e repartiu alegría entre xentes de distinta condición. Sexa sempre honrado e aplaudido.

2 Comments:

Blogger acedre said...

Unha familia artistica coma poucas.

10:41 p. m.  
Blogger Veloso said...

Si, este é un dos casos en que, como dicía un profesor meu, a realidade supera á ficción. Aurelio e familia nunha novela quedarían inverosímiles. O sorprendente é que son reais. Un saúdo.

8:04 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home