miércoles, noviembre 23, 2005

Os de Silvaoscura (23)

Cando xa miña nai era unha nena grandiña que ía todos os días buscar auga á fonte da Formigosa, os meus avós decidiron facer unha casa na herdade do Medraño, un pequeno terreo que lles tocara nas partillas familiares. Para principiar, pediron prestado un carro e unhas vacas e foron ao monte de Casalvite, de onde tiñan pensado traer as pedras que ían servir de fundacións. Pero sucedeu que, cando chegaron ao sitio e quixeron botar ao carro a primeira pedra, esta rodou ata á beira do carreiro, nun lugar que facía imposible calquera novo intento de rodadela.
A casa foi medrando pouco e pouco. Non houbo máis carpinteiros nin albaneis cós meus avós, construtores únicos do seu propio fogar. Anos despois, cando eu xa nacera, os aforros que xuntara o meu pai en Venezuela serviron para engadir baño, cociña de ferro e televisión. Os oitenta anunciaron a despedida das vacas e a chegada da lavadora e mais do teléfono, nos noventa houbo calefacción, o milenio trouxo un ordenador portátil...
A primeira pedra segue no monte de Casalvite.

6 Comments:

Blogger torredebabel said...

fermosa lembranza. Coido que a história das nosas casas falan mais e mellor de nos que nos mesmos.
Apertas dende a diáspora!

9:43 p. m.  
Blogger acedre said...

As pedras son os testigos mudos dos nosos afans perecedeiros.
Un saudo dun ex-canteiro (espero non volver traballar niso no futuro).

3:47 a. m.  
Blogger Veloso said...

Benvida, Torredebabel, gustoume moito o teu blog. É realmente emocionante isto de poder establecer un triángulo máxico entre os fascinantes Estados Unidos -saúdos, Acedre!-, a querida Arxentina e esta beira do Douro. Unha aperta.

10:12 a. m.  
Blogger torredebabel said...

totalmente de acordo! o mellor de este triángulo máxico entre Galicia, os EEUU e Arxentina é que é un triángulo que fala galego!!!
Apertas para ti e para acedre.

10:03 p. m.  
Blogger acedre said...

Torredebabel fala dun triangulo entre Galicia, EEUU e Arxentina pero o Douro non pasa por Galicia (de momento). Gustariame concretar mais onde vive ese Rei de Copas, cronista de Silvaoscura.
Saudos para ti e para Torredebabel.

6:23 a. m.  
Blogger Veloso said...

Vou con moita frecuencia aos meus fogares de toda a vida, Silvaoscura e Vigo, pero vivo en Zamora, unha cidade fermosa e acolledora que recomendo.

10:09 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home