miércoles, mayo 30, 2007

Volvo a Bueu

O vindeiro sábado, 2 de xuño, ás 12 do mediodía, no Concello de Bueu, presento "Dúbidas de María", o relato polo que me concederon o premio Matilde Bares do ano pasado. Quero agradecer o labor de Montse, a responsable do Centro de Información ás Mulleres de Bueu, coordinadora do premio e da publicación, así como a xenerosa e valiosísima colaboración de catro amigas: as ilustradoras (Yolanda López e Ana Belén Pérez Vázquez) e as prologuistas (Laura López Atrio e Susana Lorenzo López). Foi un verdadeiro pracer contar con elas. O seu traballo conseguiu que un relato regular se convertese nun libro fermoso.
Por suposto, estades todos convidados. Vémonos en Bueu!

viernes, mayo 25, 2007

Para Darío, xustiza na Terra e descanso no Ceo.

O Darío era un home de bos sentimentos, parente remoto meu pola costela de Fontebranca. A derradeira vez que o vin, no bar do Milocho, en Vilavidal, nun sábado de fútbol televisado, levaba un traxe claro que lle dicía moi xusto. Pasou case todo o tempo de pé, paseando entre as mesas e absorto na conversa que mantiña co seu teléfono móbil de xoguete. Seica dicía que o chamaba Baltar para lle pedir consello sobre algún asunto da Deputación. Así era Darío, un personaxe, un corazón nobre, o habitante máis ilustre do seu propio mundo de fantasía.
Atopárono morto nunha rúa de Ourense. Non se sabe moi ben que pasou, algúns falan dun atropelo, moitos din que foi unha malleira brutal e inhumana. A crónica da "Región" aseguraba que era unha das persoas máis populares da cidade. Parece que o propio Baltar asistiu ao funeral. O Isauro de Fontebranca, pai do finado, coa alma desfeita, autorizou a doazón dos órganos do fillo morto.
O teléfono móbil garda silencio. Darío xa non chegou a tempo para a campaña electoral.

viernes, mayo 18, 2007

Hoxe

Hoxe, 18 de maio, é Día das Letras Galegas. Mentres ledes estas liñas, é probable que estean a nacer moitos nenos na nosa terra. Oxalá reciban dos seus pais o agasallo, pequeno e universal, da lingua.

lunes, mayo 14, 2007

Alonso Montero

As súas clases eran unha festa para os oídos e un estímulo para a intelixencia. Non é xusto limitarse a recoñecer a súa asombrosa facilidade para falar en público. Era moito máis. Ao escoitalo, un sentíase capaz de cambiar o mundo, de loitar contra a inxustiza, de mergullarse nos autores máis descoñecidos e libralos de esquecemento.
Xa non anda moi lonxe dos oitenta anos, pero segue en boa forma. O venres deunos unha nova lección a todos os que tivemos o pracer de escoitalo na Casa do Libro. Falou da memoria republicana, das vítimas e dos opresores. A súa voz segue combativa e invencible.
Por moitos anos, D. Xesús, por moitos anos.

viernes, mayo 11, 2007

Volverlles a palabra

Esta tarde toca nova sesión de autovía. O motivo, o seguinte, directamente copiado da páxina da AELG:

Venres 11: Presentación e recital co gallo da presentación do libro colectivo Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo. No acto recitarán Paula Mariño, An Alfaya, Francisco Pazos, Marta Dacosta, Marcos Juncal, Xesús Alonso Montero, Elvira Riveiro, Manuel Vilanova, Anxo Angueira, Xurxo Sierra Veloso, Vitor Vaqueiro, Manuel Veiga, Manuel Vidal Villaverde e Francisco Castro. Ás 20:00 horas.

Pois iso, vémonos en Vigo, na Casa do Libro.

miércoles, mayo 09, 2007

Proust

Atendendo o convite de Marinha de Allegue, velaquí van as miñas respostas ao famoso cuestionario que estes días circula polo blogomillo:

¿O principal rasgo do meu carácter? O entusiasmo, a dúbida, a paciencia, a dúbida, non sei. Xa dixen a dúbida?
¿A cualidade que prefiro nun home? O sentido do humor.
¿A cualidade que desexo nunha muller? O sentido do humor.
¿O que máis aprecio nos meus amigos? Que me coñecen ben e aínda así me aturan.
¿O meu principal defecto? A indecisión.
¿A miña ocupación preferida? Unha boa conversa.
¿O meu soño de dicha? Segundo os niveis de egoísmo de cada momento serían: a paz e a liberdade dos pobos oprimidos; o Celta campión de Europa; o Veloso escritor de sona.
¿Cal sería a miña maior desgraza? A dor ou a desaparición dos meus seres queridos.
¿Que quixera ser? Dianteiro centro do Celta, cantante de orquestra, cura de parroquia rural.
¿Onde desexaría vivir? En Vigo; oxalá algún día...
¿A cor que prefiro? Por unhas cuestións, azul celeste. Por outras, verde.
¿A flor que prefiro?A camelia.
¿O paxaro que prefiro? A andoriña
¿O meu autor preferido en prosa? Carlos Casares
¿O meu poeta preferido? Joaquín Sabina
¿O meu heroe de ficción? Asuranceturix, o bardo da aldea gala.
¿A miña heroína de ficción? Phoebe, da serie Friends.
¿O meu compositor preferido? Unha longa lista dende Puccini a Armando Manzanero.
¿O meu pintor predilecto? Van Gogh
¿O meu heroe da vida real? Xesús de Nazaret.
¿A miña heroína da vida real? Miña nai.
¿Os meus nomes favoritos? Seica houbo un pallaso que tiña como nome artístico Nabucodonosorcito. Paréceme unha fermosa extravagancia.
¿Que detesto máis que nada? A inxustiza.
¿Que caracteres históricos desprezo máis? Ese patético grupo de vermes que se xuntan sempre aos ditadores.
¿Que feito militar admiro máis? A tregua de Nadal entre ingleses e alemáns, na Primeira Guerra Mundial
¿Que reforma admiro máis? A que estea só ao servizo da intelixencia e da liberdade.
¿Que dons naturais quixeras ter? Gustaríame ter unha mínima habilidade para os asuntos domésticos.
¿Como me gustaría morrer? En paz comigo e con todos.
¿Estado presente do meu espírito? Entusiasta, esperanzado, en constante dúbida.
¿Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os que se rebelan contra a inxustiza.
O meu lema: Non me fío moito dos lemas. Supoño que o importante na vida é seguir camiñando.

En fin, isto foi todo. Ah, da Cea das Letras: paseino moi ben, foi unha noite realmente agradable e aplaudín con forza aos premiados. Noraboa a todos eles. En especial, a Manuel Forcadela, ao que plaxiei cando eu era alumno de 3º de BUP. Do seu poema "Todos somos Nicaragua" saíu un texto meu -para a revista do instituto- que se titulaba "Todos somos Etiopía". Non parece que me garde rancor.

jueves, mayo 03, 2007

Fracasos

Supoño que algúns xa sabedes que este sábado se celebra en Santiago a Cea das Letras. No transcurso da mesma entregaranse os premios aos mellores libros do 2006. Entre os candidatos da categoría de narrativa figura o meu "Licor de abelá con xeo", cousa que me deixou abraiado e falto de recursos verbais. Agradezo a atención, asistirei encantado á cea e aplaudirei con forza a Samuel Solleiro, María Reimóndez ou Manuel Rivas, sexa cal sexa o gañador do asunto.
O caso é que hoxe, como antídoto aos posibles excesos de ego que leva de seu unha celebración deste tipo, prefiro contar algúns dos meus fracasos no mundo literario, para que ninguén pense que os blogs só serven para anunciar triunfos. Non vos quero aburrir, así que me conformarei con dous recordos, un remoto e outro ben recente.
Principiarei, por exemplo, por render homenaxe a María Dolores Sánchez, compañeira coa que coincidín en dous lugares moi queridos para min, o Colexio Fleming e o Instituto S. Tomé de Freixeiro. Que me perdoe Dolores pola imprudencia de escribir aquí o seu nome e apelido, pero creo que xa é hora de que recoñeza publicamente os seus méritos e que admita, de paso, o moito que me doía cada vez que era ela, e non eu, a que gañaba canto concurso literario se convocaba no colexio. Daquela, eu era un rapaz repelente que soñaba con ser escritor. Ela era unha alumna exemplar, boa compañeira para todos; non sei que soños tiña, pero estaba claro que escribía moi ben, sen dúbida mellor ca min, e de aí que fose ela a xusta gañadora daqueles certames que tanto mal causaban á miña autoestima. Onde queira que andes, Mariló, oxalá os teus ollos sigan transmitindo paz e firmeza.
E rematarei cunha confesión: ademais de relatos e noveliñas, de cando en vez tamén escribo poesía. Téñome por poeta aburrido e torpe, pero aínda así, tentacións do demo, adoito presentar os meus versos a algún certame. O problema non é non gañar nunca. Non, non pasa nada se podes dicir "non mo deron, pero claro, gañou Fulano ou Mengano ou Citrano, que son poetas de categoría". É peor que ocorra o que me sucedeu hai un par de meses: o xurado declarou deserto o premio por falta de calidade de todos os participantes. O cal, despois dos foguetes do 2006, vén moi ben para este eguiño meu que xa se volvía rumboso.
En fin, para a semana, se Deus quer, contareivos que tal foi a Cea das Letras. Oxalá poñan orquestra e poidamos bailar unhas pezas.