jueves, mayo 03, 2007

Fracasos

Supoño que algúns xa sabedes que este sábado se celebra en Santiago a Cea das Letras. No transcurso da mesma entregaranse os premios aos mellores libros do 2006. Entre os candidatos da categoría de narrativa figura o meu "Licor de abelá con xeo", cousa que me deixou abraiado e falto de recursos verbais. Agradezo a atención, asistirei encantado á cea e aplaudirei con forza a Samuel Solleiro, María Reimóndez ou Manuel Rivas, sexa cal sexa o gañador do asunto.
O caso é que hoxe, como antídoto aos posibles excesos de ego que leva de seu unha celebración deste tipo, prefiro contar algúns dos meus fracasos no mundo literario, para que ninguén pense que os blogs só serven para anunciar triunfos. Non vos quero aburrir, así que me conformarei con dous recordos, un remoto e outro ben recente.
Principiarei, por exemplo, por render homenaxe a María Dolores Sánchez, compañeira coa que coincidín en dous lugares moi queridos para min, o Colexio Fleming e o Instituto S. Tomé de Freixeiro. Que me perdoe Dolores pola imprudencia de escribir aquí o seu nome e apelido, pero creo que xa é hora de que recoñeza publicamente os seus méritos e que admita, de paso, o moito que me doía cada vez que era ela, e non eu, a que gañaba canto concurso literario se convocaba no colexio. Daquela, eu era un rapaz repelente que soñaba con ser escritor. Ela era unha alumna exemplar, boa compañeira para todos; non sei que soños tiña, pero estaba claro que escribía moi ben, sen dúbida mellor ca min, e de aí que fose ela a xusta gañadora daqueles certames que tanto mal causaban á miña autoestima. Onde queira que andes, Mariló, oxalá os teus ollos sigan transmitindo paz e firmeza.
E rematarei cunha confesión: ademais de relatos e noveliñas, de cando en vez tamén escribo poesía. Téñome por poeta aburrido e torpe, pero aínda así, tentacións do demo, adoito presentar os meus versos a algún certame. O problema non é non gañar nunca. Non, non pasa nada se podes dicir "non mo deron, pero claro, gañou Fulano ou Mengano ou Citrano, que son poetas de categoría". É peor que ocorra o que me sucedeu hai un par de meses: o xurado declarou deserto o premio por falta de calidade de todos os participantes. O cal, despois dos foguetes do 2006, vén moi ben para este eguiño meu que xa se volvía rumboso.
En fin, para a semana, se Deus quer, contareivos que tal foi a Cea das Letras. Oxalá poñan orquestra e poidamos bailar unhas pezas.

7 Comments:

Blogger X said...

Este comentario ha sido eliminado por el autor.

11:56 p. m.  
Blogger X said...

Ten razón, esa anécdota si que é toda unha lección para o propio orgullo.
Deséxolle a mellor das sortes para a noite do sábado, iso si, aínda que podo dicir que o seu libro mo fixo pasar ben, vexo moi difícil o seu triunfo esa noite.
Se lle serve de consolo, pense que para moitos xa é todo un triunfo estar entre os candidatos.
Que vostede o baile ben :)

11:57 p. m.  
Blogger paideleo said...

Ten razón X; con estares aí entre eses escritores xa podes sentirte satisfeito. Hai que pensar que a todo hai quen nos gañe e non hai que desesperarse se hai xente por riba de nós.
Bueno, un saúdo e xa contarás.

12:10 p. m.  
Blogger Marinha de Allegue said...

Tes un convite no meu blog.

Beijos.
:)

6:04 p. m.  
Anonymous peke said...

Iso, iso, contesta o convite. Da cea xa falarás (eu non podo ir, por iso me interesan as túas impresións).

1:07 a. m.  
Anonymous xulioDRabal said...

Non te esquezas nen do pasodoble nen de seguir escribindo. Din alí que o que importa e ter saúde e non se mancar, o outro todo é secundario.

10:06 p. m.  
Blogger torredebabel said...

sempre me parecen moito mais reveladores e interesantes os fracasos que os exitos. Os seus, benquerido Veloso, son coma vostede: interesantes, intelixentes e dos que deixan aos seus protagonistas un pouco mais sabios.

12:26 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home