viernes, abril 27, 2007

Zamora

Saboreando uns amorodos aínda algo amargos, cheguei á conclusión de que xa vai sendo hora de corrixir algunhas pequenas inxustizas cometidas por este blogueiro. Por exemplo, nunca vos falei de Zamora, a cidade que me acolle, que me tranquiliza e que me dá de comer.
Levo aquí sete anos e medio. Dende aquela fría mañá de novembro do 99 en que cheguei -cedo de máis- á vella Escola de Maxisterio, ata hoxe, nas acolledoras e modernas oficinas do Campus Viriato, funme adaptando paseniñamente a esta terra, ata o punto de que agora, sen renunciar á miña condición de galego, xa son, en certo xeito, unha especie de zamorano. Polo menos, un amigo incondicional de Zamora.
É unha cidade pequena, duns sesenta e cinco mil habitantes, con serios problemas de infraestruturas e con poucos recursos económicos. A poboación está composta fundamentalmente por funcionarios e xubilados. É moi frecuente que a xente nova se vexa obrigada a emigrar e a procurar un futuro en Madrid, no País Vasco ou en zonas tradicionalmente máis prósperas.
Por outra banda, Zamora é un lugar fermoso, con rúas elegantes e unha multitude de igrexas románicas que causan admiración pola súa beleza e polo ben conservadas que están. Paga a pena, ademais, camiñar pola beira do Douro, sobre todo no outono, contemplar os numerosos niños das cigoñas ou percorrer os museos (o etnográfico, o catedralicio, o de Semana Santa...).
Amigos do blogomillo, non deixedes de avisar se pasades por Zamora. Terei o pracer de convidarvos a un pincho moruno e a un viño de Toro.

6 Comments:

Blogger O Raposo said...

Tomo nota da invitación.

1:33 a. m.  
Blogger Marinha de Allegue said...

Calquera día paseamos por Zamora...

Unha aperta grande.
;)

12:51 p. m.  
Blogger Ana Bande said...

E unha catedral ben xeitosa, o único que non me gusta de Zamora é a súa esaxerada e dramática Semana Santa, claro, non me gusta ningunha. Apertas logo!

1:01 p. m.  
Blogger Mr Tichborne said...

Eu tamén tomo nota!

3:33 p. m.  
Blogger torredebabel said...

Tamén tomo nota pero non teñas présa que ha levarme ben tempo chegar até alá.

1:15 a. m.  
Blogger besbellinha said...

Xa hai unha que vai ir, ademais no Camiño atopei a outro mozote que é de aí e que xa me dixo que non deixara de chamalo se ía.

Bicos!

9:58 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home