miércoles, noviembre 29, 2006

Opinións dun cristián

Os medios de comunicación falan da última xuntanza dos bispos, seica polémica e apaixonada, e do documento que a Conferencia Episcopal acaba de publicar, no que se senta doutrina, entre outras cousas, sobre a negociación cos terroristas ou a situación política. Por suposto, un demócrata non pode ter nada en contra de que calquera asociación, estea esta formada por bispos, albaneis ou cantantes de tangos, expoña as súas opinións sobre os asuntos que considere oportunos, pero non por iso deixan de asediarme varias preguntas. Por exemplo, por que os xornais dedican tanto espazo aos comunicados dunha organización extravagante e non democrática? Quen lles outorgou aos bispos esa suposta autoridade moral coa que falan sempre? Como é posible que a maioría dos cristiáns permanezan indiferentes ou mesmo satisfeitos ante semellante abuso de poder? Que eu saiba, un bispo é nomeado directamente polo Papa -é dicir, polo Xefe dun estado estranxeiro no que impera un sistema político que non resiste a máis mínima análise democrática- e exerce as súas funcións, que deberían ser puramente administrativas, sobre a diócese que lle corresponda. O autor deste blog, por diferentes razóns familiares e sacramentais, figura nos arquivos das parroquias de Santa Rosalía de Caracas, San Salvador de Penosiños e Nosa Señora do Carme de Vigo. Pois ben, nunca ningunha destas institucións me convocou para participar libremente nas eleccións de párroco, arcipreste ou bispo (porén, si fun chamado ao auxilio económico e mesmo unha vez se me suxeriu a posibilidade de desenvolver na Parroquia do Perpetuo Socorro labores de catequista, aínda que, por fortuna, o Espírito Santo e o sentido común leváronme a rexeitar a oferta). É normal, por tanto, que non me sinta en absoluto representado por esa excéntrica morea de individuos que se reúnen en Madrid e que nos indican, con voz ridiculamente solemne, cal é o camiño correcto a seguir neste mundo atroz no que vivimos.
A Igrexa Católica, entendida como comunidade de fieis, ten e terá sempre o meu respecto e a miña amizade. Pero critico e desaprobo de xeito severo a actitude da xerarquía eclesiástica. Acúsoos de esquecer os principios evanxélicos máis básicos, de aproveitar a súa repercusión pública con intencións políticas e descaradamente económicas, de apoiar os poderosos e dar as costas aos máis necesitados (mesmo aos seus propios misioneiros e monxas, auténticos heroes de certas sociedades marxinais). En definitiva, acúsoos de ocultar e manipular a mensaxe do único individuo realmente interesante de toda esta estrambótica sociedade fundada en Xerusalén: Xesús Cristo.

1 Comments:

Blogger Nemeth said...

amen

12:17 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home