lunes, noviembre 13, 2006

Os de Silvaoscura (68)

Co meu agradecemento a José Manuel, que me deu a idea.

Por pequeno e afastado que sexa o lugar, non renunciamos á práctica dos deportes máis exclusivos. O José Manuel do Ventura e mais eu xogabamos de cativos a unha especie de mini-golf. Servíanos de campo a terraza da casa dos meus avós (sóame raro chamarlle así; na familia sempre dicimos "a placa", atendendo á súa esencia de cemento). Un burato con funcións de desaugue, un ferro da cociña e unha pelota de tenis abondaban como equipo completo de xogo. Se non lembro mal, o José Manuel entendía mellor as irregularidades da superficie e gañaba case sempre.
Hoxe, pasados máis de vinte anos, admiro a precisión automobilística de Rubén, o único neno que queda en Silvaoscura. Subido no seu carriño de madeira, consegue conducilo dende a casa do Arsenio ata o poste da Tafona, nun percorrido ladeiro e con dobre curva que ben podería estar en calquera dos grandes circuítos. Rubén é un rapaciño educado e solitario, imita con acerto as voces de diferentes animais e, segundo souben hai pouco, ten dificultades coa análise gramatical.
O seu cuñado, Migueliño, case sempre en camiseta sen mangas, atravesa o camiño montado en preciosos cabalos que coida e domea. As súas exhibicións hípicas non se limitan á estética do movemento. Sen que eu o queira, o son do galope tráeme sempre ecos de sesión de tarde, de elegantes desafíos á porta do saloon, de arelas de xustiza, de infancia perdida.

4 Comments:

Blogger paideleo said...

O caso é facer algún deporte ou xogo...anque se che dea mal.
Eu tamén quixen sempre montar unha besta pero non pasei de fariñotes e cabalos vellos e menos mal, que podía cair.
O venres non fun á casa do libro que apareceu unha visita á última hora.
Terá que quedar para a próxima.

5:38 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Facer exercício é unha tarefa saudable sen dúbida e inculcarllo @s pícar@s é bo labor. Quen me dera verte xogando ao golf, faigote máis de vocalista mira ti...

Unha aperta grande.
:)

2:57 p. m.  
Blogger folerpa said...

Leo a túa entrevista en A nosa terra, moi xeitosa.
Grazas por citar o meu poemario e polos eloxios.

Unha forte aperta,
vémonos na presnetación do teu próximo libro :-)

1:26 p. m.  
Blogger Torreira said...

Boa historia...acabo de lembrar coa axuda desta magdalena de Proust moitos deses xogos enchidos de imaxinación en lugares onde éramos os reises con nada.Eopor exemplo era xogador de hokey cos cañotos das navizas...

2:17 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home