lunes, octubre 30, 2006

Os de Silvaoscura (67)

Segundo as miñas contas, os míticos irmáns Piernas deberon de nacer a mediados do século XIX. Cando o meu avó, sendo neno, os coñeceu, alá polas beiras do tempo da guerra, eran xa dous anciáns indomeables. Xosé, o máis vello, traballaba as leiras e tiña conta da casa. Castor, que era baixote e gordo, levaba toda a vida a facer cestos.
-Sempre de madeira de castiñeiro novo, que se deixa traballar mellor.
Un día, os rapaces de Silvaoscura, afeitos a pasar tardes enteiras con aqueles dous seres tan excéntricos e entrañables, quixeron saber por que ningún dos dous casara.
-Viñéronnos tentar moitas veces -respondeu Xosé-, pero sempre resistimos. Dunha vez, cheguei á casa e tiñan o Castor contra a parede. Eran tres ou catro mulleres, non me acordo ben, e xa lle baixaran os pantalóns. Menos mal que lle valín a tempo.

jueves, octubre 26, 2006

Cambio de data

Acábanme de chamar do Concello de Ourense para me dicir que se apraza uns días a entrega do Premio Risco. Avisarei da nova data cando a saiba.
De paso, aproveito para felicitar publica e calorosamente aos concellos de Bueu e d´O Grove. Eles si que saben organizar ben estas cousas. Araújo, Cabezas, dez puntos menos na clasificación.

martes, octubre 24, 2006

A Ourense

O venres, 27 de outubro, ás 11 da mañá, no Salón de Plenos do Concello de Ourense, levarase a cabo a entrega do Premio Risco de Creación Literaria, que, como moitos sabedes, este ano recaeu na miña novela "Os mércores de Fra". É un acto público, así que se algún de vós anda por Ourense e quere escapar da choiva, o Concello pode ser un sitio tan bo como calquera outro.
Aproveito a ocasión para manifestar o meu agradecemento a Sotelo Blanco Edicións polo seu magnífico traballo. Chelo, Xabier, é un pracer colaborar convosco.
Isto dos premios literarios non deixa de ser unha feliz casualidade, polo que prefiro, dentro da gratitude, non darlle demasiada importancia. Ademais, non esquezamos unha circunstancia: só se fan públicas as vitorias. De non ser así, moito temo que non me chegaría o blog para lembrar todos aqueles certames aos que me presentei sen éxito.

martes, octubre 17, 2006

Vítimas

Sen retrancas nin ironías, felicito moi sinceramente a Marta Rivera de la Cruz polo éxito que acadou no Premio Planeta. En relación coa entrevista que publica hoxe o Faro de Vigo, agardo que ningún medio de comunicación nin ningunha institución pública ou privada discrimine nunca a ninguén polo idioma no que escribe. Do mesmo xeito, espero que os nosos xornais, eses que se din galegos, dediquen igual entusiasmo e espazo aos premios sen dotación multimillonaria nin presenza principesca. Por último, encantaríame que os escritores, estes e aqueles, dedicasen máis tempo a gozar da divertidísima actividade de crear historias e menos ao monótono fungar do vitimismo.

miércoles, octubre 11, 2006

Os de Silvaoscura (66)

A memoria non arquivou os nomes dos protagonistas desta historia, así que imos supoñer que foi a señora Isolina a que sentiu o corazón cheo de piedade ao ver enfermo o seu vello can. Incapaz de converter a misericordia en acción, pediulle a un hipotético Remixio, veciño e afeccionado á caza, que lle axudase a poñer fin aos sufrimentos do animal. Ademais, para se asegurar de que a execución fose rápida e o verdugo non sufrise perda no seu patrimonio, Isolina proporcionoulle ao executor un par de cartuchos. Pero sucedeu que Remixio, cando se achegou ao can e o viu naquel estado triste e incurable, deu en pensar no absurdo que era malgastar dous disparos nunha peza tan doada. Os cartuchos ían moi caros, así que tampouco había falta grave en gardalos no peto e cumprir a misión encomendada a aguilladazos. Despois duns cantos golpes, coa vítima caída no chan, o cazador deu media volta e volveu aos seus asuntos, talvez cavilando nas lebres ou nas perdices que o agardaban en xornadas máis heroicas.
Pero ocorreu que á Morte, esa dama, non lle gustaban as cousas mal feitas. Ao día seguinte, a señora Isolina sentiu que caiñaban e rabuñaban a porta. Era o seu can, sempre derrotado e aínda invencible.

jueves, octubre 05, 2006

Linguas mortas, linguas agoniantes

Chamo ao Hospital Xeral de Vigo para falar coa miña amiga Maruxa e felicitala pola súa recente maternidade. A gravación do contestador maniféstase nun galego falso, carente de sintaxe e fonética. Despois duns segundos, xorde unha voz real que me atende nun fermoso acento das Rías Baixas, pero en castelán. A voz non muda de idioma a pesar de eu, usuario do servizo, empregar o galego na miña pregunta.

Vexo a misa da TVG na compaña dos meus avós. Despois da habitual entrada apacible do Padre Isorna, chega o momento das lecturas. A primeira faina unha muller de mediana idade que non fai máis que zopar e trabucarse. A sensación xeral é de desasosego e a mensaxe bíblica cae na máis absoluta "incomprensibilidade". Isorna abana a cabeza docemente. Ben se ve que a muller non tivo a sorte de recibir clases de galego durante a súa infancia. A segunda lectura faina unha rapaza adolescente. Ten máis seguridade, pero a pronuncia é preocupante e hai atrancos con palabras concretas. Ao chegar a "seitura" sobrevén un pequeno caos. As leis de normalización lingüística, conclúe o neto dos meus avós, fracasaron rotundamente. Moitos dos rapaces de hoxe falan galego coa mesma soltura con que pode falar italiano un fanáticos dos fascículos. É a nosa lingua, pero como se fose unha lingua estranxeira.

Recibo unha chamada dunha rapaza moi amable, funcionaria do Departamento de Cultura do Concello de Ourense, para me avisar do día de entrega do Premio Risco. Fala todo o tempo en castelán, aínda que seguramente tivo proba de galego nas oposicións. O Premio Risco, por certo, pretende homenaxear a un dos grandes escritores no noso idioma. Ou iso supoño.

Nas últimas semanas naceron Leilía, Aldara e Leo. Deséxolles de todo corazón un futuro que sexa a vez galegofalante e políglota. Sobre todo, que teñan saúde e felicidade.