miércoles, julio 25, 2007

Día de Galicia

Como sabedes, o día de Santiago Apóstolo non é festivo en Castela e León. Aínda así, hoxe sinto unha gran ledicia: tiven a sorte de falar por teléfono con Torredebabel. Estaba en Compostela, no mítico Derby, compartindo café e conversa con Marinha de Allegue, Moralla e outros compañeiros de blogomillo. Débora, foi un pracer oír a túa voz, un verdadeiro motivo de festa.

martes, julio 24, 2007

Orde

Levo uns días algo estresado por culpa de certos asuntos domésticos (os que algunha vez mercaron ou venderon piso seguro que me entenden), así que non dou feito. Tiña tres ou catro cousas que vos contar, pero a desorde mental fai que os adíe ata mellor ocasión.
No entanto, deixo constancia da tristura que me produce a última baixa do blogomillo. No meu paseo habitual entre os blogs amigos, non atopo a Moralla, esa fervenza ourensarriacompostelana que tanta luz nos daba cos seus versos e as súas fotografías. En fin, Yolanda, graciñas polos bos momentos que nos fixeches pasar. E, por suposto, seguiremos atentos á túa obra, tanto a literaria coma a pictórica.
Saúdos a todos. Marcho, que xa chegan os da mudanza e os da axencia inmobiliaria e os dos bancos e os das notarías e os dos rexistros da propiedade...

viernes, julio 13, 2007

Das cousas literarias

Entalado entre o sol de xullo e o aire acondicionado, quero manifestar a miña ledicia pola nova do día. Parabéns, Francisco.
E, xa que estamos, fálovos agora de Tomás Sánchez Santiago, un escritor zamorano residente en León. Antes de que os desconfiados ergan o furabolos con cara de suspicacia, direi que non o coñezo persoalmente. Pero si tiven a sorte de ler o seu libro "Los pormenores", así que creo que é de xustiza agradecer en voz alta o ben que o pasei lendo algúns dos seus textos. Sirva este exemplo:

Sorprendo a un mozo pegando uno de esos carteles de supina ordinariez, tan frecuentes ahora, que anuncia la boda de un amigo. Se trata habitualmente, ya se sabe, de dispersarlos por paredes y farolas en determinadas zonas de la ciudad: una foto bajo la que hay siempre un comentario paródico, lleno de esa brutalidad inmediata tan española. Sólo que este mozo ha elegido el mismo muro público donde otro cartel similar, al lado, expone la foto de un anciano bajo la palabra DESAPARECIDO.
Ambos rostros siguen ahí, juntos, días después.
La boda ya se habrá celebrado; el anciano apareció muerto hace unos días a la vera del río.

viernes, julio 06, 2007

Na beira do Douro (1)

Fálovos de Fer, un zamorano que estuda a licenciatura de Educación Física en Pontevedra. É un rapaz alto, deportista, sempre de bo humor. Xoga ao balonmán no Porriño e seica ten unha oferta interesante do Cisne.
Antonte coincidín con el e con outros ilustres ex-alumnos da Escola na que traballo. Primeiro asistimos a un espectáculo de Expresión Corporal e despois, para festexar o reencontro, decidimos percorrer a noite e os bares. Houbo conversas profundas, brincadeiras, bailes e paseos baixo as estrelas. Ao final, un fatiño de nove resistentes rematamos a farra (e as cervexas) nos bancos da Marina, en pleno centro de Zamora.
De súpeto, Fer achegouse a min, botoume por riba do lombo o seu xigantesco brazo e preguntou:
-¿Cómo es eso que se canta en Galicia en las noches de fiesta? Sí, hombre, la de la borracheira.
Imprevistamente, ás catro da mañá dun xoves, acabamos cantando, con máis emoción da agardada, un Miudiño fraternal, tremelicante e feliz.

martes, julio 03, 2007

Asino

Chámome Xurxo Sierra Veloso e estou a favor de que os centros de ensino de Galicia impartan o 50% das asignaturas en lingua galega.