jueves, septiembre 28, 2006

Os de Silvaoscura (65)

Cando vexo na televisión a velocidade con que os mecánicos da Fórmula 1 enchen os depósitos e trocan as rodas, recordo o caso do carteiro do Pao, que pasaba decote por Silvaoscura no cumprimento do seu traballo. Sen baixar tan sequera da mula, tomaba o vaso de viño e a pataca seca que lle ofrecía o señor Antonio Xoque, recuperaba forzas, conversaba brevemente co seu xeneroso amigo, enviaba o último grolo e seguía camiño, disposto a levar por toda a parroquia as cartas que chegaban de Arxentina ou Venezuela.

miércoles, septiembre 20, 2006

Cavilacións do xuntador de letras

Seguindo unha conversa que principiaron no seu día Náufrago e Folerpa.

Recibo un amable correo electrónico de Xosé González, de Redondela, no que me pide algúns datos para un dicionario de escritores funcionarios que está a preparar. Non cabe dúbida de que este que aquí golpea o teclado traballa na función pública; outra cousa ben distinta é que sexa escritor. Por unha cuestión de prudencia e hixiene mental, preferirei sempre outras adscricións menos comprometidas. É certo que dende neno sempre sentín a necesidade case enfermiza de levar ao papel historias e sentimentos, pero non considero que este simple feito me autorice a autonomearme escritor. Tamén son vello afeccionado a dar patadas aos balóns e non por iso me podo chamar futbolista.
Por outra banda, a literatura é un dos poucos territorios nos que o intrusismo é un valor positivo. Aquilo que nos faría tremer nun urólogo ou nun fisioterapeuta é totalmente saudable nun xuntador de letras: convén, para o meu gusto, que os que escriben non sintan a necesidade de se converter en profesionais, nin fagan moito caso das críticas (das boas e das malas), nin se organicen en demasiados comités, xuntanzas, clubes e asociacións, nin dubiden á hora de retirarse temporal ou definitivamente dos escaparates das librarías. Claro que tamén poden facer todo o contrario e non habería nada que reprocharlles. O único que se debe esixir ao que escribe é que actúe con absoluta liberdade. E, xa de paso, se pode ser, que sexa consciente de que é moi improbable que os seus libros vaian cambiar o mundo.
Con todo, insisto: eu quería ser dianteiro centro do Celta. O demais son circunstancias.

martes, septiembre 12, 2006

Os de Silvaoscura (64)

Cando se trata de previsión empresarial e optimismo nos negocios, lembro o caso dun tratante de Ludeiros que facía a roupa onde o meu tío Senén, xastre de sona. Segundo conta o meu tío, o tratante esixía sempre que os petos tivesen un tamaño amplo, axeitado para que coubesen nel os billetes de mil pesetas, daqueles que, como moitos lembrarán, levaban a efixie de San Isidoro de Sevilla.

miércoles, septiembre 06, 2006

Hoxe vou ser optimista

Permitídeme que hoxe fale dunha das mulleres máis importantes da miña vida. Chámase Irea, ten tres aniños e é filla dos meus amigos Tino e Maruxa. Dentro duns días, por culpa desas miserias e grandezas que trae setembro, tócalle principiar no colexio, toda unha experiencia. No intre de matriculala, os seus pais solicitaron ensino integramente en galego. Eu, para que vos vou enganar, púxenme pesimista, como me adoita ocorrer nestes asuntos. "Pedir iso nunha escola de Vigo, tan céntrica, aí, entre as Camelias e a Hispanidade? Imposible. Seguro que lles din que para unha nena soa non se pode facer".
Pois ben, recoñezo o meu erro e anuncio gozoso que vai haber vintecinco nenos de Villalaura que, a petición dos seus pais, van aprender en galego. Pode que vos pareza pouco, unha cifra non merecente destes foguetes que estou a botar, pero reparade nun pequeno detalle: eu tamén estudei alí, no vello e querido Fleming. Cando entrei no parvulario, alá por 1974, non había un só neno galegofalante en todo o colexio.
Pouco e pouco, pero camiñamos.