Seguindo co asunto da lingua, atrévome a dicir que o mellor argumento, aquel que máis nos favorece á hora de promocionar e normalizar o galego é, aínda que poida soar raro a algúns purísimos oídos, a necesidade dun verdadeiro bilingüismo. Dito doutro xeito, dados uns pais castelánfalantes que se ven no transo de escolarizar os seus fillos en Galicia, eu comprendo perfectamente que se alporicen e indignen ao ver que o noventa por cento das asignaturas que reciben os mesmos se imparte nunha lingua que non é a súa. O asunto dos idiomas fai que se poñan de manifesto as sensibilidades aparentemente agochadas, polo que non vexo conveniente nin beneficioso convertelo nun simple exercicio de vinganza pendular. O galego ten que ser unha lingua amable, agarimosa, científica, real, viva, apta, pero nunca a desculpa para levar a cabo unhas represalias que nos fan máis dano que ben. Polo tanto, creo que os típicos e vellos e emotivos argumentos de "a nosa lingua", "a lingua da nosa terra", "o que nos identifica como pobo" e outras expresións similares, non serven para nada. Ao contrario, espertan nun sector importante da poboación un auténtico rexeitamento. Non se trata de convencer aos que xa están convencidos, senón de atraer cara ao galego a aqueles que, moi lexitimamente, non senten a menor arela nacionalista nin patriótica. E para iso, coido eu, sería interesante que quedase moi claro que o galego, en pé de igualdade co castelán, é un idioma que enriquece mesmo a quen non o ten como lingua de berce ou de uso cotián. Neste sentido, os argumentos con que algúns xornalistas e intelectuais se están enfrontando á vaga anti-decreto que vivimos nos últimos meses parécenme algo pobres e esvaídos. Non nos convén dar imaxe de cultura oprimida e acomplexada; ao contrario, é urxente que poñamos de manifesto que o feito de escollermos vivir en galego non nos dá a razónm pero tampouco nola quita. É, simplemente, un fermoso exercicio de liberdade.