lunes, noviembre 17, 2008

Argumentos que nos fan dano

Seguindo co asunto da lingua, atrévome a dicir que o mellor argumento, aquel que máis nos favorece á hora de promocionar e normalizar o galego é, aínda que poida soar raro a algúns purísimos oídos, a necesidade dun verdadeiro bilingüismo. Dito doutro xeito, dados uns pais castelánfalantes que se ven no transo de escolarizar os seus fillos en Galicia, eu comprendo perfectamente que se alporicen e indignen ao ver que o noventa por cento das asignaturas que reciben os mesmos se imparte nunha lingua que non é a súa. O asunto dos idiomas fai que se poñan de manifesto as sensibilidades aparentemente agochadas, polo que non vexo conveniente nin beneficioso convertelo nun simple exercicio de vinganza pendular. O galego ten que ser unha lingua amable, agarimosa, científica, real, viva, apta, pero nunca a desculpa para levar a cabo unhas represalias que nos fan máis dano que ben. Polo tanto, creo que os típicos e vellos e emotivos argumentos de "a nosa lingua", "a lingua da nosa terra", "o que nos identifica como pobo" e outras expresións similares, non serven para nada. Ao contrario, espertan nun sector importante da poboación un auténtico rexeitamento. Non se trata de convencer aos que xa están convencidos, senón de atraer cara ao galego a aqueles que, moi lexitimamente, non senten a menor arela nacionalista nin patriótica. E para iso, coido eu, sería interesante que quedase moi claro que o galego, en pé de igualdade co castelán, é un idioma que enriquece mesmo a quen non o ten como lingua de berce ou de uso cotián. Neste sentido, os argumentos con que algúns xornalistas e intelectuais se están enfrontando á vaga anti-decreto que vivimos nos últimos meses parécenme algo pobres e esvaídos. Non nos convén dar imaxe de cultura oprimida e acomplexada; ao contrario, é urxente que poñamos de manifesto que o feito de escollermos vivir en galego non nos dá a razónm pero tampouco nola quita. É, simplemente, un fermoso exercicio de liberdade.

5 Comments:

Blogger porto do mendo said...

Do testo que publicas hoxe a frase que mais me chama a atencion e a seguinte: " Non nos conven dar unha imaxe de cultura oprimida e acomplexada", sobor de todo polas seguintes razons:

a.-)Perante a vida de James Joyce, a unica tradución da sua obra que se dispuña no estado español era en galego, non lembro neste intre quen se encaregou de traducila, pro coido que foi alguen da xeneracion nos, concretame este punto.

b.-)Segun os ultimos estudos que figuran publicados, encol da evaluación de cal e o mellor sistema educativo na actualidade, e, en consecuencia, os estudantes maiormente cualificados, todos apuntan ao finlandes. Pois ben, ¿sabes que idioma se imparte?, si a información que posuo e correcta, dado que eu non o investiguei, nas catro linguas " minoritarias" que alí se falan, si ben teñen o ingles de lingua comun.

c.-)¿ Alguen coñece a posible existencia de que en dito pais haxa un movimento que defenda posicions contrarias a que se sigan manteñendo vivas tais linguas en pro dalgunha en concreto?

d.-) ¿ Alguen me pode espricar as razons polas cais fracasou aquel intento que se chamaba " esperanto".

7:10 p. m.  
Blogger Mr Tichborne said...

Ainda que esta belixerancia lingüística non empezou do lado dos galegofalantes, tampouco considero as medidas de normalización no ensino como "represalias", se é iso o que vostede quere dicir. Tamén a min me amola que ó fillo que non teño sexa escolarizado en Galiza con nove de cada dez asignaturas noutra lingua que non é a que se fala na casa e que é a lingua propia de Galicia, segundo o Estatuto. Coido que a esta xente todo lle parece moito.
No outro punto, o da imaxe ofrecida polos "valedores" do galego, concordo completamente, e entendo ese rexeitamento por parte de castelanfalantes que a priori non teñen nada en prol ou en contra do galego. Máis imaxinación e menos panfletismo.
En resumo, cómpre desenmascarar a eses embusteiros bífidos e a outros oportunistas, e logo establecer unha política de concordia coa lingua. Mais véxoo cru.
Un saúdo.

3:26 a. m.  
Blogger X said...

- Amable? Agarimosa?
Cría que esa fase xa a tiñamos superado.
- A lingua é produto histórico dunha colectividade humana, e o galego é unha das mostras da nosa identidade como pobo. Por moito que ese argumento se repita non deixa de ser menos certo.
- Fóra diso, concordo na necesidade de asumir o momento histórico actual que cualitativa e cuantitativamente é diferente de calquera período anterior na nosa historia sociolingüística.
Saúdos.
PD: Agradécense reflexións como a súa.

11:56 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Con este post concordo moito máis que co anterior. As imposicions amolan, dense en cualquier direción.

7:19 p. m.  
Blogger A lareira de Santiso said...

Inmellorable, o rei de copas

1:48 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home