miércoles, febrero 27, 2008

Sonsonetos para pasar o tempo (2)

Comparece ante min o folio en branco,
esa lagoa negra na que afundo
cada vez que o terco e redondo mundo
me presenta implacable un novo atranco.

Sigo amarrado ó ridículo banco
no que descansa o poeta infecundo,
agardando o verso grande, profundo,
o mesmo que o Ceo negou ó Manco

de Lepanto. Oh, Deus poderoso e métrico!
Onde atoparei o doce elixir
do símil lento e do verbo simétrico?

Falarei do cénit e do nadir
ou ceibarei xa o meu lamento tétrico?
Teño realmente algo que dicir?

martes, febrero 19, 2008

Na beira do Douro (11)

Por sorte ou por desgraza, os anos que levo en Zamora non fixeron de min un "semanasantero", curioso adxectivo que empregan por estas terras para se referiren a aqueles que viven con absoluta paixón as celebracións públicas da Coresma e da Semana Santa. Para min, as páxinas do xornal local "La Opinión" seguen a ser, despois de oito anos, un rosario de rarezas. Velaquí algúns exemplos: Na confraría do Espírito Santo debaten durante meses se é conveniente ou non admitir a mulleres. Ao final, por escaso número de votos, gaña o non. Os de Luz y Vida rifan polo itinerario que debe seguir a súa procesión, excesivamente longo para algúns membros da irmandade. Os fregueses de Nuestra Madre non se poñen de acordo co número de pasos que convén sacar á rúa; a uns abóndalles unha imaxe e outros prefiren un vistoso acompañamento. As Damas de la Soledad rifan polo vestiario: o dilema preséntase entre abrigo ou capa, e mesmo hai algunhas que propoñen a anarquía. Por outra banda, as radios zamoranas tamén falan destes asuntos. Onte, na laicísima Ser local, ilustrounos coa súa sabedoría o señor Juan Manuel Bragado (prego a Brétemas que nos aclare o posible parentesco), director dunha sociedade denominada "La Tertulia del Cofrade".
A min, como imaxino que a algúns de vós, todo isto sóame moi respectable, pero tamén algo extraterrestre, non pouco anacrónico e se cadra ata ridículo, pero pode que a miña opinión proceda de que sigo sen captar o espírito "semanasantero". En fin, amigos, esta é Zamora. Naveguemos agora polo blogomillo, a ver que se conta de certa viaxe que fixeron uns artistas de non sei qué país a unha illa do Caribe.

lunes, febrero 11, 2008

Parvos

Xa fan balbordo dabondo os de Galicia Bilingüe como para que aínda por riba veñan catro parvos a darlles máis publicidade e a convertelos en vítimas (xusto o que eles queren). A estas alturas, xa debería estar moi claro que hai que ser respectuoso coas ideas dos outros, aínda que non coincidan coas nosas.
Por outra banda, aproveito para lanzar unha pregunta: alguén sabe de onde sacan tanto diñeiro os señores Pousada e Lago para o finanzamento das súas actividades?

lunes, febrero 04, 2008

Cousas que souben o sábado

Houbo voda en Penosiños, algo bastante infrecuente. Casou a Consuelo de Calvos, prima remota miña, cun rapaz boliviano ao que non coñezo. Segundo nos contou o tío Senén, as autoridades de Bolivia non permitiron que a familia do noivo viñese ao casamento. Paréceme unha mostra máis da irracionalidade que emana das fronteiras. Xa non me fiaba moito de Evo Morales, pero agora vouno incluír na miña particular listaxe da crueldade universal.
Por certo, seica a miña prima Susana retratou os contraentes xunguidos pola canga. Un acerto, sen dúbida. É máis, dos meus poucos coñecementos de etimoloxía, lembro que a palabra "cónxuxe" viña precisamente de cum iugum, así que a metáfora non só é fermosa senón tamén incuestionable.
Parabéns aos que casaron. Que teñan unha vida longa e feliz, sen fronteiras nin gobernos que lles enturbien as datas sinaladas.
Ah, e xa sabedes que sigo na loita.