martes, diciembre 12, 2006

Ata máis ver

Un ano e medio de blog, ducias de conversas, miles de palabras. Non vos podo enganar: creo que xa abonda. Chegou o momento de poñer remate a este "Rei de Copas". Se me perdoades o tópico, podemos dicir aquilo de "non é un punto final; tan só un punto e seguido". O caso é que pecho a fiestra satisfeito e agradecido. Grazas a este espazo, tiven o pracer de coñecervos e de falar convosco. Puiden, ademais, contarvos algunhas historias da miña xente. Fíxeno sempre con absoluto agarimo, con ánimo respectuoso. Agardo que vos gustasen e pido perdón se a alguén lle pareceron mal os meus contiños ou as miñas opinións.
Envío unha aperta chea de gratitude aos compañeiros do Blogomillo, aqueles cos que aprendín e seguirei a aprender cada mañá. Grazas a todos pola vosa xenerosidade. Oxalá as vacacións de Nadal nos permitan compartir cafés e conversas.
Permitídeme que os derradeiros golpes no teclado sexan para escribir, unha vez máis, ese nome querido, moribundo e invencible. Digamos, pois, Silvaoscura.

lunes, diciembre 04, 2006

Os de Silvaoscura (69)

Ao ler a prensa de hoxe, foi inevitable lembrar a señora Carme Xoca, unha mulleriña afectada por unha tose crónica que moi probablemente lle fixo evitar as penas do purgatorio e lle abriu decontado as portas do ceo. A señora Carme pasara a infancia e a mocidade en Madrid, falaba en castelán e, por circunstancias que descoñezo, vivía constantemente preocupada por saber a hora exacta. Pero tampouco debía de levar reloxo, e de aí que preguntase todo o tempo aos veciños.
-Concha, tienes hora?
A resposta non abondaba para satisfacer á señora Carmen. Supoñamos que a miña avoa entraba un intre na cociña e volvía anunciando que eran as tres.
-Las tres, sí. Pero nuevas o viejas?
E é que en Silvaoscura xa hai moito tempo que se fala da hora nova, da hora vella e mesmo da hora louca.