Se non me engano, xa non existe o Rosalinda, un café da rúa Paraguai que ofrecía de cando en vez concertos de moi variada fasquía. Foi alí, o 9 de decembro de 1998, onde se produciu o meu debut mundial como cantante solista. A responsable da catástrofe foi a miña amiga Marta Barreiro, virtuosa do piano e da vida. Foi ela a que me convenceu para perpetrar entre os dous unha sucesión de rancheras, boleros e grandes éxitos de Frank Sinatra. Acudiron moitos dos meus amigos, que deron, máis unha vez, proba de xenerosidade, aplaudindo a cada nova peza do repertorio cun entusiasmo merecente de mellores espectáculos. O piano de Marta fixo marabillas, como era de agardar duns dedos e dunha sensibilidade tan prodixiosos, e eu tentei estar digno no meu papel de crooner improvisado. No medio da actuación, nunha éxtase lírica que agora me causa tristura, lin un poema de Ramiro Fonte, mentres a pianista interpretaba a melodía da película Titanic. Tamén recitei, por vez primeira, o meu sentido soneto de homenaxe ao mago Mostovoi. Como vedes, hai teimas que xa veñen de vello.
Ao saír do Rosalinda, con esa inocencia propia da xuventude, pensei que aquel fora só o principio dunha longa e prometedora carreira musical. Enganeime. O meu debut acabou sendo, tamén, a retirada dos escenarios. Pero sempre será unha fermosísima lembranza, a gloriosa noite na que puxen a miña mellor camisa e cantei "Échame a mi la culpa".