martes, septiembre 25, 2007

38

Podíavos falar do moito que me gustou o verán e do moitísimo que me gusta o outono. Supoño que vos podería relatar algunhas conversas de café que me demostraron, unha vez máis, que o maior tesouro ao que pode aspirar unha persoa é esa cousa intanxible chamada amizade. Malamente resisto a tentación de poñerme pesado e presumir de que teño entradas para ver a Sabina e Serrat en Salamanca.
Pero tranquilos, tentarei ir pouco e pouco e reprimir os excesos. Un vai sabendo que isto dos blogs teñen na brevidade unha das súas mellores virtudes. Así que, co voso permiso, principio esta etapa postvacacional coas seguintes novidades:
1. A miña amiga Susana Lamela vai comezar unha nova etapa profesional. Alégrome por ela e polos nenos que a teñan como mestra; sen dúbida, son afortunados. Síntoo pola Editorial Tambre, que perde unha auténtica alfaia. E síntoo, sobre todo, por min, que xa non terei o seu aloumiño matinal en forma de correo electrónico.
2. Parabéns a Marcos Folerpa Calveiro. O seu Premio Aladelta é un motivo de festa para as letras galegas. Cómpre ben, nestes tempos suicidas que padecemos.
3. Mañá, 26 de setembro, fago 38 anos. Algúns dos soños quedaron xa definitivamente atrás. Por exemplo, estou case seguro de que nunca serei dianteiro centro titular do Celta. Pero aínda hai camiño por diante. E, sobre todo, moitas ganas de camiñar.