viernes, agosto 05, 2005

Ata setembro

O rei de copas e mais eu marchamos de vacacións. Por suposto, non vou dicir aquilo de "merecidas", sinxelamente porque non creo que haxa que facer do descanso unha cuestión de méritos. Deséxolles aos lectores, se os houber, un feliz agosto. Pode que nos vexamos nalgunha verbena ou na procesión do Cristo da Vitoria ou nas praias ao solpor ou en Silvaoscura ou nalgún lugar imprevisto e marabilloso.
Saúde para todos.

miércoles, agosto 03, 2005

Os de Silvaoscura (4)

Cando os meus avós fixeron o canastro que aínda temos, unha veciña murmurou "fancho ben grande; a ver se despois teñen con qué o encher". Se eu fose un Bucay ou un Coelho, concluiría que os humanos temos a obriga de loitar polos nosos soños, de non sermos nós mesmos os que lles poñemos límites. Como non é así, confórmome con dicir que, grande ou pequeno, aquel canastro cumpriu funcións de dilixencia, alá no Far West da miña infancia. De feito, cando me debruzo na fiestra e o contemplo, aínda vexo os imaxinarios cabalos que turran del polas inmensas chairas de Texas.