martes, abril 27, 2010

De Toro

Nunca fun demasiado fan deste escritor. Gustáronme moito Polaroid, Land Rover e (sobre todo) Tic-Tac. Non sei dicir que me pareceu exactamente Calzados Lola. Non me gustaron A sombra cazadora e Home sen nome. Teño ganas de ler Sete palabras, máis que nada porque seica fala de Zamora e eu xa levo década e pico vivindo á beira do Douro.
Pero hoxe vou erguer unha imaxinaria cunca de viño á saúde de Suso de Toro e desexarlle toda a sorte do mundo neste novo camiño que empeza. Optar polo silencio implica reflexión e humildade, dúas virtudes ben pouco frecuentes nos nosos días.

miércoles, diciembre 09, 2009

Los nombres del traidor

Por se a alguén lle interesar, xa saíu do prelo "Los nombres del traidor", a tradución ao castelán da novela publicada hai un ano por Edicións Xerais. Dende esta xaneliña blogueira, mando a miña aperta e a miña gratitude á xente de Faktoría K de Libros, moi nomeadamente a Silvia e Xosé.

sábado, noviembre 28, 2009

Crise e premios

É impresión miña ou este ano non se convocaron algúns dos premios literarios máis coñecidos do país? Houbo Terra de Melide? E Repsol? E Lueiro? Alguén sabe algo do Blanco Amor? Chegou tamén a crise a este sector? Que farei con todo o diñeiro que vou aforrar en fotocopias?

lunes, noviembre 02, 2009

Menús

Dado un hipotético restaurante chamado "La Mela Stregata", situado, por exemplo, nunha céntrica rúa de Vigo ou Pontevedra ou se cadra A Coruña, non resultaría nada estraño que a súa alegre clientela se aledase e mesmo fixese brincadeiras varias ante unha carta escrita exclusivamente en italiano, talvez pola moita risa que provocan no cidadán medio as xuntanzas de grappas e pennes.
Se ao seu carón se inaugurase un finísimo local denominado, se callar, "Comedores de patacas", con menú impreso en pulcro galego oficial, adaptado ás normas ortográficas do 2003 e sen tradución simultánea a elegante castelán mesetario, o máis probable é que, antes dunha semana, xurdisen voces iradas -con cartas ao director incluídas- que estoupasen de carraxe ante tan intolerable imposición lingüística.

jueves, octubre 22, 2009

Revolución

Despois dunha longa ausencia, tomei café no mítico "De Catro a Catro", na rúa Xirona, o lugar onde transcorreu boa parte da miña mocidade. Estiven á conversa con Juan, un dos donos, que lembraba con relativa melancolía os anos en que o bar estaba sempre ateigado de xente ruidosa e falangueira. Agora, polo que se ve, pasou de moda, e a maioría das mesas locen mármore limpo e baleiro. Pero Juan non se desanima. "Este é un local axeitado para as conspiracións e o problema é que veu unha xuventude moi conservadora. Pero as ondas veñen e van e a Historia ten os seus ritmos. Cando volva haber unha xeración revolucionaria, teremos moreas de clientes, xa verás".
Fagamos, pois, a revolución. Enchamos de novo o Catro.

martes, septiembre 22, 2009

Pequena emoción

Un rapaz noviño, ferrolán, alumno de primeiro de Maxisterio, pasea polo campus universitario de Zamora. Na cazadora vaqueira leva cosida unha bandeira galega, das de estrela vermella de cinco puntas.

martes, septiembre 15, 2009

Apelidos

É ben coñecido en Zamora un home chamado Sergio Jesús de San Marcelo Vasallo, ilustre paleólogo, experto en Heráldica e Etimoloxía, ademais de escintilante posuidor dunha ducia de títulos nobiliarios, tales como Barón, Príncipe e outras extravagancias. Fóra das rarezas (que todos temos), debe de ser persoa de sabedoría, do que dá testemuña o seu libro "Zamora: sus pueblos y sus apellidos", moi festexado pola prensa e as librerías locais.
San Marcelo, coa súa idade imprecisa e o seu aspecto bondadoso, adoita percorrer as rúas con paso lixeiro, como se levase sempre moita présa. Pero é frecuente que os cidadáns o deteñan con algunha petición. "Don Sergio Jesús, ¿puede usted decirme el origen de mi apellido?" O ilustre consulta o reloxo e abanea a cabeza, dando a entender que non é correcto interromper o traballo dos atarefados, pero, ao cabo, con amabilidade e método científico, escoita os interpelantes e explica pacientemente as orixes de Jambrinas, Requejos, Bragados e canto apelido sometan ao seu xuízo. Así deben ser os sabios: tenaces, xenerosos e un chisco excéntricos.