jueves, febrero 02, 2006

Os de Silvaoscura (42)

Entre as numerosas manifestacións de estudantes universitarias que houbo en Vigo alá polo ano 90, lembro unha especialmente rumbosa e festexada. Unha mañá de primavera, por causas sobre as que non paga a pena falar agora, un grupo duns douscentos alumnos do CUVI (daquela chamábase así), decidimos trancar o tráfico da Praza de España e provocar, xa que logo, un atasco monumental en media cidade. E alá fun eu, segundo recolleu ao día seguinte unha fotografía publicada no Atlántico Diario na que se nos vía a min e aos irmáns Lorenzo paseando unha pancarta ao redor do monumento central da praza (non sei se xa os cabalos de agora ou a fonte de antes).
Pero sucedeu que, como o mundo é pequeno, xusto aquela mañá viñeran a Vigo dous visitantes inesperados: o Darío e o Pepe Mosquito, ambos do lugar do Tellado, moi préto de Silvaoscura. Pepe tivera que vir arranxar certas burocracias dos seus fillos de América; pola súa banda, Darío, ademais de consogro do Mosquito, era taxista e, por tanto, bo coñecedor das estradas e das cidades.
O encontro tivo lugar na mesma Praza. Eu estaba sentado xunto aos compañeiros no medio e medio da calzada. Darío, farto de estar metido no coche, saíra a inspeccionar persoalmente a situación, deixando o Mosquito dentro do vehículo. E foi así como nos atopamos, os dous sorprendidos e xesticulantes.
-Non nos quedou máis remedio que facer esta manifestación. O reitor non nos fai caso -argumentei.
-Se é para ben, haberá que ter paciencia... -respondeu o Darío, que era un home amable e bondadoso.
Esa mesma tarde, no adro de Penosiños, antes dun cabodano, o meu avó tivo noticia de que o seu único neto formaba parte dun fato de revoltosos que se dedicaban a impedir o paso aos que pretendían pacificamente cruzar a Praza da España. "Juventud, divino tesoro", dicía o gran Rubén.

2 Comments:

Blogger acedre said...

Casualidades. Nunca se sabe con quen te vas topar.

1:20 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Pois "xente nova e leña verde todo é fume".
Coincidencias, eu teño moitas anécdotas curiosas a lo menos para mín, por telas vivido en primeira persoa. Por ter coincidido con persoas coñecidas en espazos totalmente alleos. Son intres de subidón.
Unha aperta de fin de semán.
;)

12:49 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home