miércoles, enero 25, 2006

As miñas cinco manías

Despois de aceptar o amable desafío de Acedre e de reflexionar ao respecto, velaquí van as cinco manías das que me considero vítima:

1. Os horarios. Son moi puntual. Máis que puntual, chego a todas partes antes da hora. Se algo se retrasa pola razón que sexa, empezo a poñerme nervioso e mesmo podo acabar desquiciado dos nervios.

2. Comprobo se pechei ben a porta dúas ou tres veces antes de marchar. Aínda así, algunhas veces dou a volta só para me asegurar de que quedou ben pechada. Cando tiña bombona de butano, facía o mesmo. Lembro que, nos anos de estudante en Santiago, revisaba a chave do gas antes de deitarme. O malo era cando algunha das miñas compañeiras de piso da rúa Carretas (bicos para Maruxa, Mari e as dúas Anas) regresaba á casa despois de estar eu deitado. Entón tiña que erguerme para unha nova revisión.

3. A roupa. Creo que hai prendas que me dan sorte (os polos do Celta, por exemplo) e outras que non (unha americana de coiro que herdei do meu pai en vista de que a el xa non lle serve). Por tanto, visto unhas ou outras en función da necesidade que teña de fortuna en cada momento.

4. Nunca pecho completamente as persianas. Gústame que entre un pouco de claridade pola fiestra, a suficiente para poder erguerme de noite sen necesidade de prender a luz. Por outra banda, hai algo máis bonito que espertar coas primeiras raiolas do sol?

5. As miñas mans (manía en fase de superación). Teño complexo de mans pequenas. De feito, case sempre as agacho debaixo da mesa para que os meus interlocutores non mas vexan.

Uf, Acedre, non creas que non dá traballo confesar certas cousas. Supoño que teño moitas máis, pero como exercicio de autoterapia estivo ben.

2 Comments:

Blogger acedre said...

Curioso o da ropa e eu tenho unha mania co ela tamen. Nos EEUU tenho unha camiseta de Nunca Mais e outro do Porrinho e sempre as ponho cando vou de viaxe por aqui. E cando fun pola Florida levaba unha de Carolina Sweet Home.
As persianas eu baixoas ata abaixo e non entra nin raio pero Ana sempre quere un pouco de abertura e...ala vai a minha mania. Nos EEUU ganha ela que aqui non tenhen a marabilla de invento das persianas.
As mans son curiosas tamen. A min dame algo telas tan finas que parecen de oficinista. So estiven contento co elas cando traballaba de canteiro e pasaballe unha man polas medias de Ana e saltabanlle os puntos.
Gracias por abrirte un pouco ao mundo e aledome de que che gustase o xogo de autoterapia.
Un saudo.

4:02 a. m.  
Blogger Veloso said...

Saúdos, Maré Aberta, e moita sorte ao poeta Ramón Blanco. Seguiremos atentos.

10:44 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home