martes, enero 03, 2006

Os de Silvaoscura (33)

Pois aquí estamos de novo, con ganas de verso e corpo de prosa. Feliz ano a todos. Un saúdo moi especial a Marinha de Allegue, Artipractor e Ollo da Vaca. Foi un pracer coñecervos persoalmente.

O tío Antonio Chanqueiro tiña un rostro fero e unha voz de trono, como se estivese sempre a piques de estoupar de ira. O nariz puntiagudo e os beizos finos formaban un conxunto temible, a miúdo acompañado por unhas enxurradas verbais nas que non había santo que non baixase do ceo. Aínda así e todo, tiña sona merecida de boa persoa e corazón nobre.
Como proba, lembro unha noitevella, haberá quince ou vinte anos, en que se presentou en Silvaoscura, pouco antes das doce, coa única intención de felicitar ao meu avó, que celebra santo e cumpreanos o primeiro de xaneiro. A felicitación, ruidosa e un chisco excesiva, incluíu varios responsos pola alma dos presentes, por aquilo de ir adiantando de vivos o que talvez non poidamos facer de mortos. Aínda me parece estar oíndo aquel canto poderoso e irredento, "polo eterno descanso de Manuel Velosooooo", cousa que o meu avó, presunto defunto, acollía co benévolo sorriso das mellores ocasións.
Cando o tío Antonio Chanqueiro morreu, a súa familia decidiu cambiar as pedras orixinais do panteón familiar por unha lápida de mármore. Para non perder a viaxe de volta, trasladaron as lousas vellas ao campo da festa de San Xoán, moi préto da casa do tío. Se ides alí e vos fixades ben nas mesas de pedra, esas que se empregan no verán para as sardiñadas, habedes de atopar o nome de Antonio Domínguez, o Chanqueiro. Seguro que el, amigo da farra como era, se sentiría moi orgulloso.

7 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Todos tenemos un "Chanqueiro" en nuestro interior!!!
:)

1:38 p. m.  
Blogger Marinha de Allegue said...

Un pracer a túa volta, un pracer os teus aloumiños e un pracer compartir unha tarde contigo.
E un pracer volver a ler as historias da real Silvaoscura.
Unha aperta.
:)

2:59 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Lerte é un pracer tan grande como ler a Cunqueiro.
ë volver a infancia e escoitar aquelas historias dun parente querido...
Bicos.

8:21 p. m.  
Blogger acedre said...

Nada se crea ou se destrue, so se trasforma...e que boa trasformacion de lapida a mesa de churrasco.
Un saudo pola tua volta.

3:13 a. m.  
Blogger Veloso said...

Un saúdo para todos. É moi agradable atoparvos outra vez no novo ano. Muralla, benvida a Silvaoscura, é un pracer coñecerte.

8:46 a. m.  
Blogger folerpa said...

Benvido. Xa botaba en falta a miña dose de silvaoscura.

12:19 p. m.  
Blogger Veloso said...

Un saúdo, Folerpa. Alégrome de atoparte outra vez por aquí.

12:30 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home