viernes, enero 13, 2006

Os de Silvaoscura (37)

Algún día haberá que investigar as causas de por que agroman tantos músicos no noso lugar. Non creo que en Salzburgo acaden unha porcentaxe tan notable coma a de Silvaoscura. Poñamos, pois, cara de orgullo, e falemos dos meus primos David e Sabela, ambos os dous no camiño do virtuosismo.
David saca peito e estarrica o brazo no exercicio do trombón; Sabela abre os seus ollos negros ao mundo coa dozura do saxo. Nas fotografías familiares dos últimos anos, ao carón de brindes e apertas, sempre están eles, instrumento en man, dispostos a converter os postres en melodía e aplauso.
Hai dous anos, os meus primos participaron, na súa condición de membros da Banda Municipal de Ramirás, nas procesións da semana santa zamorana. Presentouse unha madrugada de Venres Santo xélida, inhumana. Cristo saíu ás rúas disposto a morrer, mentres miles de fregueses tremían de frío e agardaban a resurrección da carne. E alá ían eles, meus aterecidos primos, na eterna repetición do Mater Mea, marcando o paso e disimulando a xeada que lles entraba nos ósos. Ao chegar ás Tres Cruces, punto de descanso no que as confrarías paran e almorzan sopas de allo, Sabeliña confesou que tiña os dedos ríxidos e xa non era quen de tocar. O seu irmán tomou folgos e seguiu ata o final, como aquel cireneo que axudou a Xesús a levar a cruz.
Pasou o tempo. Hoxe, os meus primos son dúas luces que brillan con forza no firmamento pálido da nosa xente. David medrou tanto que ata é xa máis alto có seu avó, o meu tío Senén. Sabela ten un sorriso que ha causar estragos entre os seus compañeiros de instituto. Son os nosos músicos, os que loitan contra o silencio.

7 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Ben por ises rapaces que saben romper o silenzo con boas músicas...
Bicos.

4:26 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Un aplauso para Sabela e David e que non pare a música...
Unha aperta de saude.
:)

1:26 a. m.  
Blogger acedre said...

Coa musica a vida esta mais chea. Que non pare de soar !!.

4:19 a. m.  
Blogger Laurindinha said...

Unha aldea de música.... que agradable...

12:45 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Parareltrenpapa, pararapachinparara!!!
;)

9:42 p. m.  
Blogger Veloso said...

Saúde e música a todos. Satine, viríanos moi ben repoboar Silvaoscura, por exemplo cos teus versos.

12:06 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

de que aldea son os teus curmans sabela e david¿?¿?¿?¿?

10:09 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home