jueves, enero 19, 2006

Os de Silvaoscura (39)

En fronte da nosa casa vivían os Tratantes, Pepe e Esperanza. El dedicárase toda a vida ao negocio das vacas, de aí o alcume con que era coñecido no lugar (os de lonxe chamábanlle simplemente O Silvaoscura, pola viseira do camión no que transportaba o gando). Contaba historias algo confusas sobre noites de contrabando e aduaneiros permisivos, criticaba con auténtica xenreira aos gobernantes e gastaba unhas puchas grandes máis propias dun xubilado donostiarra que de calquera dos nosos vellos. Segundo asegura o meu avó, o Pepe Tratante tiña moi boa voz, polo menos de novo, e non era raro que acabase as súas esmorgas a golpe de ranchera e pasodobre. Pode ser que iso explicase aquel sorprendente "Jorge Negrete" que empregaba para dirixirse a min. Ao final, un estranxeiro sen escrúpulos chamado Alzheimer levouno máis dunha vez a andar perdido polos camiños e a perder constantemente o rumbo da conversa.
A súa muller, a Esperanza, estaba algo xorda. En contraste con esta eiva, a súa afección principal era escoitar decotío as esquelas de Radio Ourense. De unha e media a dúas, medio Silvaoscura sentía como da cociña dos Tratantes saían voces contundentes que anunciaban "ómnibus, con paradas donde sea necesario y regreso a la terminación". Rematada a sesión mortuoria, a Esperanza saía á azotea e berraba pola miña avoa: "Concha, hai defunto en Vilameá". Ou en Sobrado, ou en Poulo, ou en Cerdal... Chega unha época da vida en que case todos os días hai defunto coñecido nalgures.
Cando morreu a Esperanza, a xeito de homenaxe, puxen a miña radio por riba do televisor, deille ben voz e sintonicei Radio Ourense. En silencio, con gran respecto, escoitamos a súa esquela, a que pechaba o círculo.

5 Comments:

Blogger Artipractor said...

Seguramente el mejor homenaje que jamás podria recibir!!!
Un saludo

1:12 a. m.  
Blogger acedre said...

Eu lembro as esquelas dicindo: de eee dad.

5:22 a. m.  
Blogger Laurindinha said...

Na miña aldea chámanlle triquillóns...
Fermoso relato...

3:50 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Entristecinme, lembreime de Aurora a miña xeógrafa preferida, a nai do seu Arturo (o tratante). Unha muller excepcional grande e forte por dentro e por fora.
Unha aperta desde aquí ata as alturas; pq si existen como dín,e como ela cría alí está de seguro.
E outra aperta para ti Veloso por escribir tan lindo.
:)

7:56 p. m.  
Blogger Veloso said...

Artipractor, como ves, empreguei a palabra "ómnibus", porque me consta que é moi valorada no gremio.
Chu, non descarto engadir un enlace sonoro ao blog e meterlle algunha das miñas versións de Frank Sinatra, Nino Bravo ou Pucho Boedo.
Laurindinha, Acedre, Marinha, grazas como sempre pola vosa compaña e os folgos que me dades.
Un saúdo para todos.

8:33 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home