miércoles, febrero 22, 2006

Da lingua (1)

Son feliz contando as historias de Silvaoscura. Sei que sodes moitos os que as seguides e agradézovolo de todo corazón. Aínda así, sinto a necesidade, case a obriga moral, de empregar este medio para reflexionar e debater sobre un asunto que me preocupa: a lingua galega. Por suposto, seguirei narrando os casos de Silvaoscura, pero agardo que me permitades este pequeno desabafo.

Non son experto en sociolingüística nin teño especial afección polas estatísticas. Limítome a observar o que ocorre ao meu redor, procurando asimilar as ensinanzas e os desánimos da realidade cotiá. Non sei canto tempo seguirá en pé a catedral de Santiago nin coñezo as cifras do progresivo descenso de caudal do Miño. Afirmo, no entanto, que a lingua galega camiña dun xeito suave e solemne cara á súa morte, sen que os parentes próximos deamos atallado a dor que nos produce esta agonía. Por desgraza, xa son moitos os corvos dispostos a rezarlle un bonito responso.

Exemplo do día: sábado pola tarde, participo nunha agradable conversa semi-familiar. Estamos presentes cinco persoas, das que catro somos galego-falantes. Os catro temos o galego como lingua materna e residencia na cidade de Vigo (eu comparto o meu tempo con Silvaoscura e Zamora, pero este dato non é relevante para o caso). A quinta persoa, filla dun dos presentes, é castelán-falante, ou sexa, é un dos miles de casos de persoas ás que os seus pais non lles transmitiron a súa propia lingua senón outra que á que atribuían un maior prestixio social. Esta quinta persoa, como adoita suceder, entende perfectamente galego, polo que non precisa ningún tipo de tradución. Aínda así, os meus tres acompañantes cambián ao castelán, por razóns que habería que preguntarlles a eles. Conclusión: dunha conversa celebrada en Galicia entre cinco galegos con capacidade de comprensión da lingua galega, catro deles falantes habituais de galego, chégase a unha curiosa situación na que só un dos cinco, eu mesmo, emprega a citada lingua galega. Pido que reflexionemos sobre o caso e agradezo explicacións e posibles solucións para o mesmo.

16 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Levo 52 anos falando galego, a lingua que me ensinaron os meus pais. Por motivos profesionais botei preto de 15 anos fora de Galicia, 11 deles en Euzkadi.
Meus fillos naceron en Bilbao, chámanse Xende e Breogán, e viñeron para Galicia con 6 e 2 anos de idade. Xa en Bilbao, eu só lles falei en galego pois sabía que era cuestión de tempo para voltar a Galicia, como así pasou.
A miña muller aínda que naceu e criouse en Euzkadi, fala e entende perfectamente o galego pois é filla de galegos, aínda que a maior parte das veces expresase en castelán que foi a lingua na que se desenvolveu ata que voltou comigo para Galicia.
Meus fillos van a escola en Ourense e reciben a meirande parte da súa educación e cos libros en galego. Eu só sigo a falarlles en galego, pois ben, non din unha palabra en galego agás cando queren facer rexouba ou ir de graciosos.
Unha vez aconteceu que o pequeno, ten 14 anos, estaba a escribir no Messenguer e díxenlle que me deixara ver unha cousa na internet; púxenme a buscar e naquel intre un colega del mandoulle unha mensaxe e el díxome: ponlle que xa lle contestarei máis tarde. Eu púxenlle a contestación en galego, e de súpeto berroume ¡¡ en gallego no!!. Loxicamente, xa tivemos unha agarrada e o único que lle dixen foi que el falara o que lle saíse da entreperna que eu tamén falaba e escribía o que me petaba.
Todo isto vén pola desconsideración social que a propia sociedade galega ten da súa lingua, o desprestixio que a mesma sofre, desprestixio que está sendo agravado polos propios políticos que están a facer un uso noxento dela, e moito me temo que terminarémola falando catro nostálxicos e os políticos no parlamento.
Agora que xa se van metendo en anos parece que van entendendo mellor o que é falar en galego, pero seguen a falar en castelán e é o conxunto da sociedade a que lle marca as pautas da lingua, por iso son pesimista no devir do galego.
Síntoo, pero é a realidade.
P.D., levou 4 meses en Santiago, nun posto que me deron na Xunta (o que por certo vou renunciar), queres ver que o 90 % dos funcionarios que están comigo falan sempre en castelán, incluso cando eu lles falo sempre en galego contéstanme sempre en castelán, e algún dos que falan sempre en galego se o interlocutor ou compañeiro se dirixe a el en castelán, cambian o castelán. O panorama é tristísimo.

11:22 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

breoxende dijo...

11:25 a. m.  
Blogger Veloso said...

Breoxende, moitas grazas pola túa achega. É evidente que hai cousas que están fallando na presunta "normalización" que se acometeu hai algúns anos. Por exemplo, a percepción por parte dos rapaces segue a ser negativa nalgúns casos, tal como no exemplo que citas. A influencia das garderías está a ser nefasta, na miña opinión, e creo que hai moitos centros de ensino no que se segue limitando o galego a unha asignatura e unha semana do mes de maio. Sobre o caso dos funcionarios que citas, o problema non é que haxa moitos castelánfalantes (algo respectable,sempre que cumpran coas súas obrigas lingüísticas en relación aos usuarios), senón que os galegofalantes se sintan na necesidade de cambiar de lingua en función de interlocutor.
Eu tamén son pesimista, pero aínda así creo que temos a obriga de loitar. Por suposto, non se trata de forzar a ninguén ou de soltar discursos todo o día, senón de falar galego con absoluta naturalidade, en todos os ámbitos da vida, liberando a nosa lingua dese lamentable status de idioma oculto. Un saúdo.
Por certo, hoxe o Brétemas fala de algo moi interesante. Pinchade en chuza.org e buscade a historia do contrato de alugueiro.

12:11 p. m.  
Blogger torredebabel said...

Veloso, eu nin ía escribir nada no día da lingua nai porque non sei se o galego é a miña. Pero este texto e a história de breoxende leváronme a por un novo post no meu blog. Vai adicado a ti e a breoxende. Sodes a clase de pai galego que eu quero ser para o meu fillo!

1:13 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Despois de ler todo o que escribiu breoxende non teño moito que decir,agás que quero ser optimista e positiva con respecto a miña lingua materna, por nada a vou deixar.NÉGOME.
Eu falo sempre en galego, a miña parella é de Euskadi, xa leva en Kompostela 2 anos vivindo e entende perfectamente o galego ainda que só o fala conmigo.
A lingua é unha identidade, se a perdemos...

Unha aperta enorme e positiva.
;)

1:39 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Un post moi saudábel, Veloso. Axuda bastante ler cousas así de cando en cando, aínda que frecuentemos os mesmos laios, pero é bo saber que un non está so nestas batallas.

Eu, no meu curro, por exemplo, son “o que fala galego”. Cando alguén intenta explicarlle a unha terceira persoa, sempre di o mesmo “Larvós es ese que habla gallego”. É dicir, que seguramente son o único que o fai. Moitos fálano comigo, incluso algúns fálano entre eles –e isto é o máis curioso!!!- se estou eu presente (como se quixaran demostrarme algo!!! A min???. Terán mala conciencia???), pero non teño nin a máis mínima dúbida de que eu son “el que habla gallego”. Si, sonche o que ten esa rareza.

9:56 a. m.  
Blogger TXARI said...

hai uma ideia interioriçada de que se nom mudamos ao castelán cando alguem diríjese a nós nese idioma estamos cometendo uma falta gravísima, pero é que nem se lhe pregunta se o entende, ou nem se lhe dá oportunidade a que pase él ao galego, (que nom é raro, muita gemte pasa ao galego se ti encornas em empregalo, pero de boas sem se enojar!) temos uma auto-concepçom sub-jugada...

6:12 p. m.  
Blogger acedre said...

A interaccion entre as duas linguas e curiosa e chega un momento que ata encabuxa a un. Eu procuro tomalo con calma e tratar de entender a situacion de cada un. Por exemplo; eu comprendo aos fillos de Breoxende que miro eu que estan nesa idade na que valoramos mais o que din os amigos que os pais.
A solucion do problema non a sei pero hai que falar o galego con toda a normalidade do mundo e que a sorte nos acompanhe.

3:37 a. m.  
Blogger Veloso said...

Tiro bastantes conclusións positivas de todo o que me contades. Antes de nada, agradezo a xentileza de Torredebabel, como sempre tan lonxe e á vez tan preto de nós. Gústame, unha vez máis, o xeito positivo e decidido de ver as cousas de Marinha. E tamén me anima bastante o que conta Larvós: algúns dos seus compañeiros cambian de lingua cando falan con el. Este feito,hai algúns anos, sería imposible, así que algo si que avanzamos. Txari toca un punto para min moi importante: é necesario ir sempre "polas boas", con amabilidade. A xente non se pasa ao galego porque lle soltes un mitin tremendo, senón porque ve que ti o falas con naturalidade, é dicir, esa normalidade da que tan ben fala Acedre. Despois de ler os vosos comentarios, síntome máis optimista. Un saúdo para todos.

9:18 a. m.  
Blogger folerpa said...

Eu mesmo son un caso evidente diso que contas, un perfecto exemplo de diglosia andante. Escribo en galego ao 100%, tanto no meu ámbito profesional, aínda que algún cliente se queixe ás veces, como o outro día un ao ver o seu convenio regulador de separación en galego, como no literario. Polo contra na fala depende da situación, cos meus fillos son galego falante ao 100%, coa súa nai ao 50% e no profesional ao 50%. Pódelo entender ?, pois eu non.
Supoño que vinte anos de educación en castelán imprimen caracter e é moi difícil cambialo chip. Eu penso que é na escolarización dos nenos onde fica gran batalla da nosa lingua. A min foime imposíbel escolarizar ao meu en galego, e nin Pedro J. me sacou na portada do seu diario nin os do PP se lembraron de min.

10:39 a. m.  
Blogger Veloso said...

Folerpa, felicítote por esa vontade de levar o galego tamén ao teu ámbito profesional, que, polo que vexo, debe de estar relacionado co mundo do Dereito.
Canto ao que dis da escolarización, é un problema moi grave e, efectivamente, ninguén o denuncia. Eu véxoo agora na filla duns amigos, unha neniña de case tres anos que volve da gardería perfectamente castelanizada. Se fose ao contrario, o editor Fernández-Latorre, co seu "compromiso dun título", montaría en cólera.

10:41 a. m.  
Blogger Unknown said...

Xa está todo dito arriba, os meus textos non deixan de ser tamén unha tradución do castelán, como lle pasa a torre de babel, unha especie de castrapo inverso, pero é evidente, que hai un claro problema de diglosia difícil de superar, a solución, a descoñezo, se cadra máis autoestima.

7:50 p. m.  
Blogger Basho said...

En quanto haja gente que ame a sua língua, o galego não desaparecerá. Tanto tem que sejam 100 ou 100,000,000 de falantes. Está claro que vivemos uma época difícil para a nossa língua, mas também temos meios como nunca para cambiar tão nefasta tendência.

Eu confio nas novas gerações que têm pais e mães que lhes falam em galego. Os meus filhos -quando os tenha- serão educados em galego-português, mas conhecerão pelo menos as outras línguas que conheço: o espanhol e o inglês. As línguas são todas maravilhosas e quantas mais saiba um, melhor.

10:27 p. m.  
Blogger besbe said...

Outro caso máis, semellante a larvós, eu son a que fala galego no traballo. O curioso é que todas no traballo saben falar galego (de feito foi o que paparon de novas) e mesmo quen emprega o castelán normalmente e ten fillos, está media cabreada cando ve que seu fillo que con 3 anos falaba todo en galego ven soltando cousas en castelán(na casa so lle falan galego.

Despois penso que será cuestión de costumes, eu no caso de ter fillos...pois falareilles en galego como non, e quen sabe, igual será esa nova xeración a que aprecie a lingua e como xa non haberá trabas e o estatus económico e cultural tampouco terá tanta importancia porque seremos todos máis parecidos entre nós, vai ti a saber se haberá un novo rexurdimento.

Eu penso que si, vamos.

12:20 p. m.  
Blogger Veloso said...

Besbellinha, Parzival, Sz, é un pracer atoparvos por aquí. Tendes razón, é unha cuestión de autoestima. Entre todos ides conseguir que revise o meu pesimismo. Un saúdo a todos.

9:49 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Enquanto houver brasileiros o galego-português não morrerá! Todos devem saber que nós brasileiros falamos o galego que é internacionalmente conhecido como "português". Os galegos não devem renunciar a esse patrimônio de 200 milhões de lusófonos: a língua galego-portuguesa! Respeite a Galiza...sempre em galego.

2:41 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home