Na beira do Douro (13)
Todos os que fixestes algunha vez a viaxe en tren Vigo/Coruña-Madrid pasastes polo viaduto Martín Gil, sobre o encoro de Ricobayo, moi pretiño de Zamora. Pode que algún lembre as impresionantes rochas puntiagudas da paisaxe. No seu tempo, foi unha obra de primeiro nivel, tanto que aínda hoxe se recordan os apelidos dun dos enxeñeiros que a deseñaron (o outro pasou ao esquecemento, unha inxustiza máis). A mediados dos sesenta, nun estraño accidente, un tren saíuse da vía en pleno paso do viaduto e caeu ao baleiro. Din que aínda hoxe, cando as augas do encoro van moi baixas por culpa da seca, se ven os restos dos vagóns accidentados. Tamén contan que un chatarreiro zamorano fixo un gran negocio rescatando todo o que puido do desastre. O home, que tiña aspecto de indixente e vivía en condicións miserables, era dono dun inmenso capital, quizabes para confirmar aquilo de que Deus dá pan a quen non ten dentes.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home